Skip to main content

As vítimas de violencia machista de máis de 65 anos son as que menos acoden aos CIM

O webinar ‘Análise da situación das mulleres maiores de 65 anos que sofren violencia de xénero: visión das profesionais que atenden a este colectivo” serviu para evidenciar as opinións das persoas que atenden a estas vítimas e que foron recollidas ao abeiro do proxecto homónimo financiado coas axudas que a USC outorga no marco do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero. A través dunha metodoloxía cualitativa integrada por entrevistas e grupos de discusión, conclúese que malia que todas as vítimas presentan necesidades semellantes con independencia da franxa de idade na que se sitúen, existen matices salientables a medida que pasan os anos. “Ás mulleres maiores cústalles ver o seu futuro, pois xa senten que están na última etapa da súa vida, e isto dificulta a súa percepción da violencia e da súa situación”, explica a profesora Porto. “Tamén é necesario ter en conta que a resistencia ao cambio e o medo para empezar de novo é un elemento importante a esta idade”, engade a investigadora.

Metodoloxía

O estudo desenvolveu dous grupos de discusión e once entrevistas a profesionais que traballan día a día con este colectivo. O primeiro dos grupos estivo integrado por dúas asesoras psicolóxicas e unha asesora xurídica; mentres que no segundo tomaron parte unha asesora xurídica, unha asesora psicolóxica e unha traballadora social. Finalmente, realizáronse entrevistas a catro asesoras xurídicas, cinco asesoras psicolóxicas e a dúas traballadoras sociais. Todas elas son profesionais que traballan nos Centros de Información á Muller (CIM) de ámbito municipal en Galicia. As conversas e debates permitiron afondar nas características das vítimas, así como na identificación das súas necesidades. Asemade, profundouse na proposta de medidas de cara á prevención e detección da violencia machista nestas idades.

Eivas económicas

“Nesta etapa da vida, para as mulleres criar aos seus fillos e fillas xa non é unha necesidade, con todo, os recursos económicos son un obstáculo importante para elas pois a maioría non teñen nada propio: non teñen pensión ou mesmo non teñen casa”, explica a profesora Porto. Por outra banda, estas mulleres están soas, illadas e necesitan unha importante rede de apoio, alén de ocupar o seu tempo en actividades que lles permitan relacionarse con outras persoas, tal e como advirten as conclusións do estudo. “A falta de apoio social é unha necesidade importante que debe ser atendida”, explica a investigadora principal. Asemade, a procura de actividades de lecer e tempo libre son tamén prioritarias “porque é a través delas como se pode ir tecendo esa rede de apoio tan necesaria”.

Perda de saúde

A investigación pon o foco en que outro aspecto fundamental é a atención á saúde. “As repercusións da violencia á que estiveron sometidas de maneira prolongada estas mulleres na saúde, tanto física como mental, son moi importantes”, sinala a profesora Porto. En xeral, prodúcese unha diminución da calidade de vida e un deterioro das condicións de saúde “que se manifesta en numerosos problemas psicosomáticos que fan que as súas visitas ao centro de saúde sexan moi frecuentes”, engade a investigadora. Estes centros e os/as profesionais da saúde que neles traballan son os contactos máis habituais deste tipo de vítimas e, tal e como constata o estudo, deben ser aproveitados como “fontes fundamentais de intervención”. A necesidade dunha actuación unitaria e a coordinación, colaboración e cooperación en todas as accións que desenvolvan os distintos axentes implicados conforman unha peza chave para erradicar este tipo de violencia.
Universidade de Santiago de Compostela