Skip to main content

A USC homenaxea a transgresión e o compromiso de Xela Arias, a autora que denunciou os 'falsos equilibrios'

O Salón Nobre do Colexio de Fonseca foi o lugar no que a USC rendeu tributo este mércores a esta “muller transgresora e comprometida, insubmisa e desconforme, radicalmente independente e sobre todo esmagadoramente honesta”, en palabras do director do Departamento de Filoloxía Galega, Francisco Cidrás, quen interveu no acto para presentar o libro Xela Arias. A literatura e a vida, por elección, editado polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade e co que a USC afonda na figura de Xela Arias. Nesta liña, o reitor Antonio López salientou que esta é a achega da Universidade xa que a “A USC non podía faltar ao seu compromiso co Día das Letras Galegas”.

Antonio López subliñou que este ano réndeselle tributo a unha “poeta contemporánea” que fixo literatura “coincidindo cos nosos tempos”, mentres que habitualmente son homenaxeados autores e autoras que desenvolveron a súa traxectoria con moita anterioridade. “Isto presenta consecuencias importantes”, sinalou o reitor, xa que Xela Arias asumiu principios e valores que están de actualidade como son “a liberdade, a independencia, o feminismo e o galeguismo”. “Oxalá isto nos permita dar un paso máis para manter vivo o facho da lingua, especialmente, nas xeracións máis novas”, apuntou Antonio López. Tamén estiveron presentes no acto Darío Xil Arias, fillo da poeta, así como a nai e o irmán de Xela Arias.

“Entenderme e facerme entender”

A profesora Nogueira trazou un percorrido pola obra literaria, así como polas facetas de editora, docente ou tradutora, a través de diferentes fragmentos escritos pola propia Xela Arias. “Escribo por motivacións diversas, para entenderme e facerme entender, para comprender o mundo no que vivo. É un problema de palabras, e quizais nelas está a clave da cuestión, das preguntas e das respostas”, reflexionaba a autora no ano 1988. Chus Nogueira puxo o foco na “vocación experimentadora coa linguaxe, libre nos seus usos gramaticais, estraña e inquietantemente fermosa” que a escritora evidenciou dende os seus versos máis temperás, así como no seu primeiro libro de poemas Denuncia do equilibrio. Esta obra publicada en 1986 “exhibe tamén o discurso rupturista da escritora” e alberga “a representación dunha escenografía urbana, infrecuente até o momento na tradición poética galega”.

Tigres coma cabalos (1990), Darío a diario (1996) —poemario no que se dirixe ao seu fillo Darío e no que reivindica a maternidade contradicindo o establecido polos roles tradicionais— ou Intempériome (2003) foron outras das obras nas que se detivo Chus Nogueira para profundar nos “trazos de disidencia, iconoclastia e modernidade que perfilaron, de maneira grosa, unha figura complexa. A dunha autora que pensou con lucidez non só a cultura do seu momento e a súas posibilidades de actualización, senón tamén o papel seu como escritora”.

Libro editado pola USC

O Departamento de Filoloxía Galega sumouse á celebración do Día das Letras Galegas, como todos os anos, cun libro no que, tamén baixo a dirección e o coidado da profesora Chus Nogueira, reuniuse unha serie de estudos, textos e materiais que ilustran distintas facetas da vida e da obra da autora homenaxeada. “Xela Arias está recoñecida como unha excelente poeta pero, transcendendo ese ámbito, a súa figura toca moitas outras facetas relevantes na normalización do sistema cultural galego, e mesmo dentro dese ámbito da poesía, a súa obra está sempre atravesada por un impulso de romper os moldes do xénero e apostar polo diálogo interartístico”, sinalou o profesor Francisco Cidrás na presentación da obra. “A denuncia dos falsos equilibrios que a orde establecida pretende facernos ver como produto da natureza das cousas, cando non son máis que o resultado dunha acción política tan sutil e camuflada que chegamos a confundila coa natureza” é, a xuízo do profesor Cidrás, a “idea motriz” que vertebra a obra da autora.

As contribucións recollidas neste volume achegan a actividade de Xela Arias no mundo editorial e lembran, asemade, a Xela alumna, profesora e amiga da man e da voz de Ana Iglesias, unha das súas mellores compañeiras. A obra recorda a relación da autora coa revista Dorna e estuda a intermedialidade e o diálogo interartístico presente en Tigres coma cabalos e en toda a produción poética de Xela Arias da man de Xosé Lois Gutiérrez Faílde. As incursións exploratorias de Xela como creadora fóra da súa zona de confort como poeta e a súa significación na literatura infantil e xuvenil é presentada da man de Montse Pena; mentres que a súa participación no proxecto Contos Eróticos, con que se quixo alicerzar a creación dun xénero literario daquela inexistente en galego, é ilustrado pola profesora Dolores Vilavedra.

No libro pode atoparse tamén a reprodución de pezas de Xela Arias hoxe de difícil acceso, como os poemas publicados en Dorna; o relato "Que si, que si", do volume Contos eróticos, hoxe descatalogado; unha reprodución gráfica de diversas contribucións poéticas de Xela Arias en distintas revistas de creación, fanzines ou suplementos de xornais na actualidade case imposibles de recuperar, e unhas "Prosas soltas" escolmadas por Chus Nogueira, de carácter diverso, que achegan facetas pouco coñecidas da autora. O volume complétase coa sección "Xela Arias e elas" que recolle once enquisas que dan conta tanto da valoración como da recepción e a posible influencia da escritora en once poetas novas, nacidas na década dos oitenta e dos noventa.

Recital

A lectura de textos poéticos da homenaxeada por estudantes do Grao en Lingua e Literatura galegas da USC, nutriu un acto cuxo colofón correu a cargo do músico Fernando Abreu, grazas a un recital musical que contou con gravacións da voz de Xela Arias, recitando poemas de Intempériome e realizas polo propio Abreu. Este traballo acabaría converténdose nun dos últimos rexistros sonoros da autora.
Universidade de Santiago de Compostela