Skip to main content

Belén Prado sinala que o terceiro sector debe aproximarse ao mundo empresarial

A conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, Belén Prado, presentou na Coruña o informe patrocinado pola Fundación ONCE “As contas da economía social. O terceiro sector en España”, dirixido polo Catedrático Jose Luis García Delgado.

O estudo, que serviu para cuantificar o peso do chamado terceiro sector en España, sinala que a economía social xera en Galicia o 5% do emprego existente na Comunidade Autónoma. Prado salientou a calidade destes postos de traballo, xa que a estabilidade laboral nestas sociedades está por riba da media, e destacou que o emprego xuvenil e feminino supera tamén as porcentaxes doutros sectores. Precisamente, a Consellería de Emprego vén de publicar unha nova orde de axudas para o inicio da actividade de empresas de economía social constituídas por mulleres ou mozos menores de 30 anos.

Belén Prado destacou a importancia da economía social na loita contra a exclusión e na atención ás persoas máis desfavorecidas, unha meta á que tamén se orientan diferentes programas e axudas do departamento que dirixe.

A conselleira incidiu no potencial do terceiro sector coma xerador de riqueza e benestar e na conveniencia de achegalo cada vez máis ao mundo empresarial. Neste sentido, sinalou a crecente adhesión das compañías á denominada responsabilidade social corporativa; as preocupacións sociais e medioambientais comezan a ser utilizadas polas empresas como valor engadido ante o consumidor.

CONCLUSIÓNS

O estudo patrocinado pola Fundación ONCE sinala que a economía social xera anualmente un 5% do Producto Interior Bruto español (con datos de 2001). Ademais, contando o traballo dos voluntarios, representa un volume de emprego que se achega a 1,3 millóns de postos de traballo. O informe sinala tamén que o emprego feminino é maioritairo no terceiro sector, que os menores de 25 anos teñen maior presencia que noutros ámbitos productivos e que o persoal adoita ter un alto nivel formativo. Ademais, destaca que máis do 60% do emprego creado pola economía social concéntrase en entidades de menos de 50 empregados.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia