Skip to main content

O libro 'Aquela nena de Sarria' completa o proxecto-homenaxe do Colectivo Egeria a Xela Arias

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou o proxecto Aquela nena de Sarria “pola amplitude, tesón e esforzo dos seus promotores, que contribuíron a que a figura, a vida e a obra de Xela Arias tivesen presenza e se desen a coñecer fisicamente, en máis de 40 espazos expositivos de Galicia a través dunha mostra, e tamén dixitalmente por medio web monográfico aos que agora lle pon o ramo esta publicación que conta coa participación de moitas das persoas que mellor a coñeceron a ela e á súa poética”.

Homenaxe conxunta a unha muller transgresora

Aquela nena de Sarria aborda a infancia sarriá e lucense de Xela Arias, con atención especial á familia Arias-Castaño, aos colexios de Barreiros e Fingoi e á relación singular da protagonista co idioma galego, con Sarria e coa escrita. Palabras de Xela e palabras sobre Xela recolle as achegas da súa familia, de Asuncion Fernández (Siña, directora do Colexio Fingoi), do seu amigo Xaime Félix López ou da profesora e xestora cultural María Casar.

Destacan as creacións poéticas na honra de Xela de sete voces do panorama poético sarrián actual (Eloi Caldeiro, Sonia Arias, Manuel Darriba, Elena López, Luis López, Elena Pérez e Antón Fortes), así como as creacións poéticas de 45 alumnos e alumnas dos IES Xograr Afonso Gómez e Gregorio Fernández, ambos os dous da vila lucense, coordinados polos profesores Lola Chaos e Eduardo Rey.

O colectivo Nova Poesía Guitírica, coordinado por Antón de Guizán, participa tamén neste libro con Vilariñas para Xela Arias, obras dos escritores Miguel Barrera, Clara Blanco, Luz Campello, Amalia Díaz, María Xosé Lamas, Emilia Martínez, Pilar Maseda, Carlos Neira, María Pereira (Oslita), Xelo Teixido e Antón Tenreiro. Completan as ofrendas poéticas a Xela as compoñentes de Elas-compañeiras de viaxe, grupo formado polas escritoras Ana Romaní, María Xosé Queizán, Marica Campo, Carmen Blanco, Marga do Val, Susana Trigo, Yolanda Castaño, Olga Novo e Cristal Méndez Queizán.

A obra forma parte do proxecto Aquela nena de Sarria, apoiado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e posto en marca no mes de marzo no marco da programación conmemorativa Letras Galegas 2021 da Xunta de Galicia.
Colectivo Egeria