Skip to main content

Tres consellerías apoian a impulsión cultural do Concello de Begonte

O alcalde de Begonte, José Ulla, acada o compromiso de Vicepresidencia e Turismo e da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia para acometer a rehabilitación do colexio de Baamonde e a construción dun auditorio ao carón do centro educativo.

As negociacións levadas a cabo polo rexedor fixeron posible conquerir os apoios destes dous departamentos do Goberno galego que se suman ao xa manifestado publicamente polo de Cultura e Educación, que dirixe Román Rodríguez e ó investimento na mellora das instalacións do colexio Virxe do Corpiño de mais de 500.000 euros, xa en fase de licitación.

Este compromiso manifestado na reunión mantida a tres bandas polo máximo mandatario municipal, o vicepresidente Alfonso Rueda e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, traducirase nun convenio que determinará o financiamento e o desenvolvemento do proxecto. A sinatura producirase nos vindeiros días.

José Ulla agradece a colaboración do vicepresidente e dos dous conselleiros pois, sinala, “permitirá que contemos con novas instalacións educativas e, por tanto, aumentar a oferta formativa que ofrecemos na actualidade”. Concretamente, o antigo centro albergará unha escola de música e nas súas inmediacións construirase un auditorio que completará de xeito paralelo a formación que se imparta na escola. Ó mesmo tempo dito auditorio enclavado na localidade de Baamonde, lugar de paso e final de etapa do Camiño Norte de Santiago, permitirá establecer una programación periódica de actividades culturais da que poderán desfrutar vecinos e peregrinos.

Do mesmo xeito que se potencia e reforza a educación e a cultura , pretendemos impulsar o turismo en todo o territorio Municipal e especialmente na parroquia de Baamonde con unhas infraestruturas que se suman a Casa Museo de Victor Corral, a Igrexa de Santiago , o clube fluvial , as rutas de sendeirismo etc

Trátase dun proxecto que o propio alcalde define como “integrador e potenciador da Educación e a Cultura e nos situará como un referente na formación musical da comarca”. En total, a Xunta de Galicia, a través dos departamentos citados, e o Concello achegarán a esta iniciativa 1 millón de euros.
Concello de Begonte