Skip to main content

Currás presentou o primeiro salón monográfico de educación superior que se celebra en Galicia

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Celso Currás Fernández, presentou en Santiago o primeiro salón monográfico de ensino superior que vai ter lugar en Galicia.

Nas súas palabras, o conselleiro salientou a oportunidade da celebración deste congreso, que terá lugar este ano por primeira vez pero terá, a partir de agora, unha periodicidade bianual, pola transcendencia do momento que está a vivir o panorama universitario, tanto a nivel español coma europeo.

De feito, Currás apuntou a probabilidade de que a universidade non teña cambiado tanto nos seus novecentos anos de existencia como o que vai cambiar neste decenio, ao tratar de facer converxer todos os sistemas universitarios europeos nun espazo común de ensino superior. Isto vai cambiar substancialmente tanto o modelo pedagóxico docente, coma a propia concepción da universidade.

Así, por estes motivos e polo feito de que, por diversas razóns, está a diminuír o número de estudantes universitarios, o conselleiro xustificou a organización deste encontro, que achegará a universidade á sociedade, aos mozos e mozas e ás súas familias.

EN MAIO

Organizado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da súa Dirección Xeral de Universidades, o Salón Monográfico da Educación e da Formación “Docentia”, terá lugar no Pazo de Congresos da capital galega nos próximos días 6, 7 e 8 de maio.

Agárdase a representación de universidades de todas as comunidades pero tamén doutros países, se ben o ámbito prioritario deste salón serán Galicia, o resto de España e Portugal.

EXPOSICIÓN E ACTIVIDADES PARALELAS

Ademais dos stands que se poderán visitar en máis de 2.000 m2 de recinto, no que se prevé a participación dunhas 100 universidades e empresas, tamén haberá outras actividades paralelas.

Entre elas, figura a organización dunha xornada que reúna aos 17 directores xerais de Universidades de todas as comunidades autónomas xunto co director xeral do Ministerio de Educación y Ciencia; a reunión do director da ANECA cos directores das diferentes axencias de calidade rexionais; a reunión de presidentes e secretarios dos consellos sociais das diferentes universidades españolas; o encontro de vicerreitores de profesorado e posgrao e o encontro de estudantes Erasmus do Sistema Universitario de Galicia, que veñen sendo uns mil alumnos europeos que cursan os seus estudos nas universidades galegas.

Tamén haberá sesións eminentemente prácticas destinadas a profesionais do sector, pensadas para que actualicen os seus coñecementos e aprendan o uso de programas, técnicas ou metodoloxías novas. Así, ofrecerase un taller de PowerPoint e outro de creación de páxinas web para profesionais do ensino.

Deste xeito, agárdase que a mostra se converta nun referente nacional e internacional sobre a ensinanza superior. Por iso se reunirá aos principais responsables políticos da ensinanza universitaria, se fará chegar aos profesionais as últimas novidades en xestión, lexislación, pedagoxía ou novas tecnoloxías, e se dará a coñecer a oferta das distintas institucións académicas a futuros estudantes deste nivel superior.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia