Skip to main content

O servidor cartográfico da Xunta pon ao servizo da sociedade galega un moderno sistema de información xeográfica

“Toda Galicia estará ao alcance da man cun simple clic do rato informático”. Deste xeito sinxelo pódese acceder ao servidor cartográfico da Xunta de Galicia, que foi presentado nunha xornada que clausurou o titular do Executivo autonómico, Manuel Fraga, en San Caetano, e na que tamén participou, entre outros, o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, José Antonio Santiso Miramontes. Este servidor cartográfico, que estará dispoñible na rede, pretende por ao servizo de toda a sociedade, especialmente da galega, un moderno sistema de información xeográfica.

Tal e como salientou o titular do Executivo autonómico, a elaboración deste moderno e completo sistema de cartografía dixital está en consonancia coas iniciativas que a Unión Europea está a promover neste ámbito, que potencian a elaboración de estruturas de datos espaciais no ámbito rexional co fin de configurar unha infraestrutura de información a escala dos estados e da propia Unión. Ademais, ten a particularidade de que vén a cubrir un baleiro existente na Comunidade Autónoma xa que, ata o de agora, non existía ningún sistema de información do territorio galego destas características en Internet.

GRANDE DEFINICIÓN DE PANTALLA

O acceso a esta web permite, segundo indicou Manuel Fraga, visualizar a cartografía “cunha grande definición en pantalla” e obter imaxes, tanto de satélite como de fotografía aérea, así como realizar buscas e imprimir e descargar ficheiros coa información requirida. A posta en marcha deste servidor cartográfico amosa que “as novas tecnoloxías son cada día máis accesibles para os galegos”, en grande medida grazas aos esforzos realizados pola Xunta á hora de achegar estas tecnoloxías aos cidadáns, como remarcou o titular do Goberno galego.
Co servidor cartográfico iníciase a elaboración do Plan Galego de Cartografía que permitirá que a Comunidade Autónoma poida soportar unha produción cartográfica planificada racionalmente e que, ao mesmo tempo, facilite a xestión territorial integrada. Nesta dirección, segundo confirmou Manuel Fraga, tense formado xa unha Comisión de Coordinación Cartográfica promovida pola Xunta que se encargará da elaboración do mencionado Plan.

O enlace web no que está dispoñible o servidor cartográfico é o de http://sitga.xunta.es. Coa entrada en funcionamento desta páxina, poderase acceder a distintos servizos: visualización e impresión de calquera mapa, foto aérea ou imaxe de satélite de Galicia; busca e localización de topónimos e elementos sobre un mapa; realización de mapas temáticos sobre usos do solo, xeoloxía, bacías hidrográficas, vías de comunicación etc.; medición de superficies, perímetros e lonxitudes sobre os propios mapas consultados; datos socioeconómicos; ou descarga de información territorial en ficheiros.

Na súa intervención, o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural salientou que o Sistema de Información Territorial de Galicia, Sitga, vai ser un “punto de referencia obrigado para a nosa cartografía”, converténdose, ao mesmo tempo, en referente nacional e incluso internacional.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA NA CLAUSURA DA XORNADA DE PRESENTACIÓN DO SERVIDOR CARTOGRÁFICO DA XUNTA DE GALICIA

-“Na actualidade é difícil entender o desenvolvemento económico dun territorio e a modernización da administración dunha sociedade sen unha cartografía avanzada que facilite un coñecemento profundo e detallado do espazo”.

-“A posta en marcha do servidor cartográfico da Xunta de Galicia, que hoxe se presenta, é unha aposta de futuro, que vai permitir desenvolver e poñer en explotación unha moderna infraestrutura de información xeográfica ao servizo da sociedade galega”.

-“A súa elaboración é totalmente acorde coas iniciativas da Unión Europea neste ámbito que promoven que as infraestruturas de datos espaciais sexan creadas e mantidas a nivel rexional, co fin de configurar unha infraestrutura de información a escala dos estados e da propia Unión”.

-“Este servidor cartográfico vén a cubrir un baleiro existente na nosa Comunidade pois, na actualidade, non existe ningún sistema de información do territorio galego destas características en Internet”.

-“Toda Galicia estará ao alcance da man cun simple clic do rato informático. O único requisito imprescindible é dispoñer de conexión a Internet, xa que a propia web facilita os programas necesarios para o correcto funcionamento do sistema”.

-“É unha nova mostra de que as novas tecnoloxías son cada día máis accesibles para os galegos, grazas aos esforzos feitos desde os diversos departamentos da Xunta de Galicia”.

-“Como xa se puido ver na exposición realizada esta mañá sobre o servidor cartográfico, o acceso á web permite visualizar a cartográfica cunha grande definición en pantalla, obter imaxes, tanto de satélite como de fotografía aérea, realizar buscas, imprimir e descargar ficheiros coa información requirida”.

-“Con este servidor, Galicia está no camiño de poder elaborar un Plan Galego de Cartografía que permita soportar unha produción cartográfica planificada racionalmente e facilite a xestión territorial integrada; e, nesa dirección, formouse xa unha Comisión de Coordinación Cartográfica da Xunta de Galicia que debe conducirnos á busca das solucións máis axeitadas para a nosa Comunidade”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia