Skip to main content

Laureano Araujo, gañador da XIXª edición do Premio Plácido Castro de Tradución

O Xurado destacou a moi elevada calidade desta tradución, que mostra unha gran fluidez e dominio tanto do alemán como do galego. Igualmente chama a atención sobre a dificultade de incorporación dos dialectalismos propios do cantón alemán de Suíza, así como o recurso ás notas a pe de páxina que axudan a contextualizar a obra. Supón a primeira tradución ao galego deste escritor.

Formado en Dereito e Ciencia Política, ademais de poeta, Laureano Araujo (Berna, 1964) exerce como profesor de alemán no ensino secundario e ten traducido a autores como Joseph Roth, Heinrich Böll, Thoman Mann ou Stefan Zweig.

A propósito de Friedrich Glauser, o propio Laureano Araujo ten sinalado que pasou á historia como un innovador do xénero policial, no cal introduciu a crítica social, e como o pai da novela negra en alemán. De feito, en Alemaña concédese anualmente o prestixioso Premio Friedrich Glauser, o galardón de literatura policial máis importante dos países xermanófonos. Glauser desmitifica a imaxe idílica de Suíza, iluminando as súas miserias e inxustizas ocultas, e é hoxe un dos escritores suízos máis emblemáticos, grazas, sobre todo, ao seu sarxento Studer, cuxa primeira aventura, Schlumpf, Erwin: Homicidio, se considera a mellor novela policial en lingua alemá.

Jakob Studer é un funcionario da policía de aspecto robusto, carácter calmo e poucas palabras, como se corresponde coa súa condición de bernés testán e lento. A súa aparencia un tanto rústica, e mais o seu xeito de traballar pouco ortodoxo, adoitan facer que o subestimen. Studer é un detective humanizado, unha sorte de antítese de heroes como, por exemplo, o superdotado e frío Sherlock Holmes. Polas súas características, podería perfectamente ser un policía galego.

O premio consiste nun diploma acreditativo e unha peza escultórica deseñada expresamente para o concurso, obra de Xaquín Chaves. Así mesmo, estará dotado con 2.000 euros. A data e lugar da entrega do premio daranse a coñecer pola Fundación.
Fundación Plácido Castro