Skip to main content

Presentado o XI Festival Peregrinos Musicais, que reúne a seis intérpretes internacionais

Durante o acto, o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, agradeceulle aos organizadores o esforzo para adaptarse a actual situación sanitaria sen perder a súa esencia para seguir ofrecéndolle aos músicos mozos e virtuosos “a posibilidade de participar de xeito seguro nunha programación de música clásica de primeiro nivel en diferentes lugares da capital galega”. “A crise sanitaria mudou o noso xeito de entender e relacionarnos coa cultura, pero é importante que apostemos por novas fórmulas que nos permitan seguir desfrutando e que sirvan de oportunidade para os novos talentos”, salientou.

O Festival Peregrinos Musicais, tendo en conta a dimensión internacional do Xacobeo, aproveita a edición deste ano para abrirse a participantes de calquera país do mundo. Así, presentáronse ao festival 45 músicos nacionais e internacionais de países como Alemaña, Turquía, Portugal, Italia, Irlanda, Bélxica, Estados Unidos, Países Baixos ou Taiwán.

Entre todos os participantes, o xurado de Peregrinos Musicais seleccionou a seis finalistas que competirán na fase final do concurso que se celebrará, coincidindo co festival, entre o 11 e o 19 de setembro. Os intérpretes convidados serán Alexandre Arurtyunyan (violín), procedente de Portugal; Bastian Uhlig (clave), de Alemaña; Xurxo Morales (saxofón), de España; Emma Naegele (cello), de Países Baixos, e Sira Pellicer (saxofón) e Alberto Sanz (violín), procedentes de España.
Festival Peregrinos Musicais