Skip to main content

Sogama afiánzase como a planta de tratamento de residuos máis moderna, eficiente e sostible de Europa

Domínguez incidiu no cambio que supuxo para Galicia a entrada en escena da Sociedade Galega do Medio Ambiente, pois, de padecer os negativos efectos de 300 vertedoiros municipais diagnosticados na década dos 90, que non cumprían coas mínimas condicións de seguridade e control, hoxe Galicia pasou a contar cun Complexo Medioambiental modélico, localizado en Cerceda (A Coruña), equipado coas tecnoloxías máis innovadoras e respectuosas coa contorna e a saúde das persoas.

Máis reciclaxe e menos vertido

O máximo responsable de Sogama explicou que as melloras acometidas no período 2017-2020, supuxeron un investimento de 45,8 millóns. Entre estas, destacou a ampliación do Complexo Medioambiental, que pasou de 550.000 toneladas anuais de capacidade nominal a 1.000.0000, supoñendo para a entidade o inicio dunha nova era caracterizada pola industria 4.0 e que está a permitir a Sogama cumprir cos seus obxectivos.

De feito, xa dou un paso de xigante na súa xestión ao conseguir incrementar a súa achega á reciclaxe nun 1.145%, subindo das 11.000 toneladas recuperadas da bolsa negra en 2008 ás 137.000 toneladas en 2019. Pola súa banda, a entrada de bolsa amarela na planta de clasificación creceu nun 178,52%, escalando desde as 11.200 toneladas de 2008 ás 31.194 toneladas.

Neste sentido, defendeu que o firme compromiso coa reciclaxe, tanto por parte das institucións como por parte da cidadanía galega, está máis vixente que nunca.

As boas cifras de tratamento e reciclaxe permitiron á empresa reducir o depósito directo de residuos no vertedoiro de Areosa nun 98,70%, baixando das 413.379 toneladas vertidas de forma directa en 2008 (case a metade dos refugallos recibidos) ás 5.463 toneladas en 2020.

Referiuse tamén ao impulso dado ao transporte de residuos por ferrocarril, que aumentou do 25% en 2016 ao 55% en 2020, apostando desta forma por un medio máis sostible, con menor sinistralidade, eficiente e respectuoso co medio ambiente.

Canon rebaixado

Así mesmo, abundou na bonificación do canon a pagar polos concellos, xa que, por terceiro ano consecutivo, aplícase unha rebaixa do 10% a aqueles que cumpran con dous requisitos: promover a redución de residuos e/ou reciclaxe de envases lixeiros, e trasladar a rebaixa ao recibo dos veciños. Esta bonificación supón un aforro de case 7 euros por tonelada. É dicir, mentres o canon normal sitúase este ano en 69,48 euros, o reducido baixa ata os 62,50 euros.

Ao respecto, Javier Domínguez indicou que se trata do canon máis barato de Galicia e un dos máis baratos de España, e isto malia que no mesmo, ademais do propio tratamento dos residuos en planta, inclúese a transferencia e o transporte.

Valorización da materia orgánica

Coa vista posta no cumprimento dos obxectivos europeos en materia de reciclaxe, Sogama, baixo as directrices da Xunta de Galicia, executará e xestionará unha rede de infraestruturas coa que se axudará aos concellos a que cumpran coas súas obrigas legais, toda vez que deben ter implantada a recollida selectiva da materia orgánica a través do quinto contedor (de cor marrón), antes de concluír o ano 2023.

Esta rede estará conformada por 17 instalacións: 4 plantas de biorresiduos (a de Cerceda -en funcionamento-, e outras tres máis en Cervo, Vilanova de Arousa e Verín), así como 13 plantas de transferencia que serán adaptadas para transvasar nas mesmas a materia orgánica recollida polos servizos municipais e transportala á planta de compostaxe máis próxima.

Desta forma, máis de 2.200.000 habitantes terán unha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 40 km de distancia.

Domínguez Lino avanzou que, para o período 2021-2023, a Sociedade realizará un investimento cifrado en máis de 43 millóns de euros, dos cales destinará 35 millóns á xestión e tratamento da materia orgánica.

Invitación

Antes de concluír a súa intervención, quixo enxalzar o traballo e vocación de servizo público do equipo profesional co que conta a entidade, que garante que cada día se traten, nas mellores condicións, máis de 2.200.000 quilos de residuos, que poden chegar a 3.000.000 en época estival, e aproveitou a ocasión para convidar a todos os membros da Comisión 2ª a visitar o Complexo Medioambiental de Cerceda, polo que xa pasaron 78.000 persoas, pois, tal e como asegurou, “unha imaxe vale máis que mil palabras”.
Sogama