Skip to main content

O Grupo Compostela de Universidades impulsa o proxecto 'ConArte no Camiño'

A esta iniciativa, co-liderada polas universidades de Santiago e da Coruña, foron convidadas a participar as 61 universidades socias do GCU. Os estudantes de grado, posgrao e investigadores destas institucións poden enviar as súas solicitudes para optar ás bolsas da actividade ata o 30 de xullo de 2021. As persoas que as reciban terán cuberto o aloxamento, a manutención, os traslados locais, o material para as súas creacións artísticas e o seguro de responsabilidade civil.

Na segunda fase do proxecto, as 18 persoas seleccionadas participarán do 23 ao 29 de setembro en actividades académicas, culturais e de integración social, desenvolvidas ao longo do Camiño de Santiago na comarca de Ferrol. O seu percorrido culminarase cun congreso final, que terá lugar o vindeiro 30 de setembro en Santiago de Compostela. Ademais, ‘ConArte no Camiño’ incorpora un plan de sustentabilidade que contempla a creación do Club da Caldeira de Artistas do GCU, no que os seus membros interactuarán na procura de novas oportunidades vencelladas ás Belas Artes, á transmisión dos valores europeos e á divulgación da riqueza patrimonial do Camiño.

O Grupo Compostela de Universidades

O Grupo Compostela de Universidades é unha asociación internacional sen ánimo de lucro, recoñecida en 2020 como entidade de utilidade pública, que traballa en favor da colaboración e promove o diálogo en todos os ámbitos da Educación Superior. O GCU comezou a súa andaina no ano 1994 e desde a súa creación foi crecendo ata unir ao seu camiño a máis de 60 universidades de todo o mundo. Todos os membros do Grupo Compostela de Universidades comparten os valores de cooperación e integración desenvolvidos en torno ao Camiño a Santiago.
Universidade de Santiago de Compostela