Skip to main content

Miras Portugal pon fin á súa viaxe á Arxentina con dous acordos en materia sociosanitaria e alimentaria co Centro Galego de Xubilados e Pensionados

Aurelio Miras Portugal, presidente da Fundación Galicia Emigración, asina dous convenios de colaboración establecidos entre o Centro Galego de Xubilados e Pensionados da República Arxentina e a Fundación que el mesmo preside. Así, a través dos acordos garantirase a colaboración no financiamento dos gastos de funcionamento do Centro de Atención a Maiores ubicado no Centro Galego, coa finalidade de mellorar a asistencia sociosanitaria ós membros da colectividade agrupada na referida entidade e que se atopen en situación de necesidade. Así memso, a Fundación Galicia Emigración, o Centro Galego de Xubilados e Pensionados da República Arxentina e a Fundación Mujer Paz y Desarrollo comprométense a colaborar na posta en marcha dun programa de distribución alimentaria entre os emigrantes gallegos e os seus descendentes residentes na municipalidade de Avellaneda e zonas limítrofes, coa finalidade de mellorar a situación vital dos membros da colectividade agrupada no referido centro en situación de necesidade.

OS CENTROS GALEGOS: AXENTES DE COOPERACIÓN

Na filosofía de amplia-lo espectro dos actores da cooperación ó desenvolvemento feita desde Galicia, a rede de centros e institucións galegas na diáspora será aproveitada como un entramado de detección e solución de situacións de vulnerabilidade dos galegos residentes no exterior. Esta liña de traballo resulta patente en Arxentina, onde gracias ó labor desenvolvido polas entidades, coma este Centro Galego de Xubilados e Pensionados da República Arxentina poden saír adiante proxectos tan cobizosos coma que se desprenden destes acordos de colaboración.

A situación socio-sanitaria dos emigrantes galegos na Arxentina está sempre no centro das axendas de traballo que o responsable da Consellería de Emigración desenvolve nas súas visitas a Arxentina.A Xunta de Galicia quere respostar do xeito máis eficaz a unha situación que xa é evidente, e que vai a máis: o avellentamento xeralizado da colectividade galega –alomenos da de primeira xeración- residente na república austral, co que esa realidade implica de dependencia, problemas sanitarios e estreiteces económicas, e co que ten de agravante a crise que lles afecta a tódolos sectores dese país sudamericano.

Mais xunto ós programas asistenciais de axuda médico-farmacolóxica, a Xunta de Galicia leva desenvolvido, desde os inicios da crise arxentina, unha intensa e continuada liña de cooperación co país austral en materia alimentaria ós sectores de poboación máis desfavorecidos, como familias numerosas, anciáns e, sobre todo, nenos.

Neste caso a Fundación Mujer Paz y Desarrollo, encargarase de pór a disposición do proxecto o seu grupo multidisciplinar integrado por médicos, asistentes sociais, nutricionistas e psicólogos a efectos de programar a execución do programa.
Gabinete de Comunicación da Fundación Galicia Emigración (Xunta de Galicia)