Skip to main content

Rojo defende ante o Parlamento o carácter pioneiro da nova Lei do Voluntariado Galego

A conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, Pilar Rojo, presentou no Parlamento de Galicia o proxecto da Lei Galega do Voluntariado que, tras a súa tramitación na Cámara, sustituirá a Lei 3/2000 e que introduce importantes novidades normativas, algunhas de carácter pioneiro, en relación co denominado terceiro sector.

Na xustificación do texto, Rojo lembrou o enorme movemento solidario do que se beneficiou Galicia durante a crise do Prestige e os compromisos asumidos no seu día polo Goberno do Estado. “Aínda que algúns están a resistirse a cumplilos –dixo-, desde a Xunta seguimos a atender puntualmente todas as obrigas asumidas desde aquela catástrofe cos galegos, en materia de infraestruturas, ambientais ou sociais, e por suposto, en materia de voluntariado”.

A devandita crise supuxo, para a conselleira, un punto de inflexión nos procesos de xestión da solidariedade ante situacións especiais. Neste sentido, na exposición inicial de motivos da modificación lexislativa, puntualízase que, a través da experiencia e grazas ao seu intenso traballo, as entidades de acción humanitaria, os concellos e a propia Dirección Xeral extraeron valiosas aprendizaxes para o futuro, e sublíñase, como aspecto máis destacable, a conciencia solidaria que amosaron os centos de miles de persoas que viñeron a limpar as praias afectadas, xa fosen galegos, do resto de España ou extranxeiros.

“Pero é que ademais -engadiu Rojo-, a necesidade de modificar unha lei do ano 2000, redactada en consonancia coa realidade dese momento e de contido moi similar á existente de ámbito estatal, vén precisamente derivada da contundente transformación do terceiro sector que se produxo en Galicia a raíz daquel accidente, tanto en canto á diversificación das actividades ou á súa organización, como á envergadura social acadada por este fenómeno, que situou ao noso país como un referente neste campo”.

De feito, o número de entidades inscritas no rexistro autonómico pasou de 318 no 2002 a 575 a finais de 2004, con máis de 600 a día de hoxe.

A conselleira citou, entre os aspectos máis destacados do proxecto, a regulación dos procedementos en casos de catástrofes ou calamidades, a clarificación do concepto de persoa voluntaria, a idade da mesma, a potenciación do uso das novas tecnoloxías neste terreo ou a delimitación breve e sucinta das competencias que, nesta materia, corresponden á Administración autonómica e aos concellos.

Destacou, en primeiro lugar, a participación das entidades de acción voluntaria na elaboración da norma, xa que o anteproxecto foi presentado nas catro provincias galegas ás diferentes asociacións e as súas alegacións permitiron completar o texto definitivo.

Entre as cuestións de carácter pioneiro nas que incidió estiveron a regulación dos procedementos en casos especiais, o uso das novas tecnoloxías ou a formación específica.

A efectos da Lei, distínguese entre emerxencia (accidente ou suceso imprevisto que en ocasión chega a constituir catástrofe ou calamidade), catástrofe (con gran destrucción de bens, patrimonio colectivo e ambiental) e calamidade (que produce moitas vítimas ou afecta a moitas persoas). A resposta dirixirase a través do sistema de Protección Civil xa establecido na Xunta de Galicia, coa Dirección Xeral do Voluntariado como órgano que coordinará e xestionará con criterios de complementariedade e subsidiariedade a actividade das persoas solidarias que participen nos distintos dispositivos. As entidades locais afectadas polo suceso ou accidente imprevisto deberán colaborar coa Administración Autonómica nas actuacións que se realicen no seu eido territorial. Crearase, ademais, un Comité de Urxencia, que participará na planificación e coordinación da acción voluntaria que leve a cabo a Xunta.

O proxecto clarifica tamén o concepto de voluntario, como toda persoa física, maior de idade ou menor emancipado que, por elección propia, se compromete a dedicar parte do seu tempo á acción solidaria, de xeito altruísta e sen recibir remuneración, no seno de entidades ligadas ao terceiro sector públicas ou privadas. Os maiores de 14 anos e menores de 18 poderán participar previa autorización dos seus representantes legais, dependendo sempre da actividade e de que a entidade implicada acepte a súa colaboración.

No título primeiro da Lei, específicamente, recoñécese así mesmo como voluntario á persoa que, sen estar adscrita a unha asociación concreta, colabora, dunha maneira excepcional, na resolución dunha situación de emerxencia integrándose nos dispositivos establecidos pola Administración. Matízase, a maiores, que a actividade non poderá, en ningún caso, substituír prestacións de traballo ou servizos profesionais da acción social ou cívica pública ou privada.

O texto establece tamén os dereitos dos beneficiarios da solidariedade, sen que poida prevalecer discriminación algunha por razón de nacemento, raza, xénero, relixión, discapacidade, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social. Eses destinatarios teñen dereito a programas que garantan a calidade e duración das actuacións, a recibir información e a que a acción en concreto non esté condicionada á aceptación dun determinado credo ou ideoloxía.

En canto aos dereitos das persoas voluntarias, o documento cita, entre outros, o trato non discriminatorio, a delimitación libre das condicións da súa axuda, a realización das actividades en condicións de seguridade e hixiene, a disposición dos medios e recursos necesarios, a obtención da condición de asegurado polos riscos que pudieran derivarse do exercicio da actividade e polos posibles danos a terceiros, e a satisfación dos gastos ocasionados polo desenvolvemento da acción solidaria.

A Xunta terá tamén que potenciar a utilización das novas tecnoloxías da información e da comunicación nas actividades relacionadas co terceiro sector, velando ademais por proporcionar formación específica para que as entidades desenvolvan programas nos que se faga uso destas innovacións. Neste sentido, a conselleira referiuse á Conferencia Internacional de Voluntariado e Novas Tecnoloxías que durante tres días da pasada semana tivo lugar en Santiago no marco do proxecto Volunet, que pretende facilitar ás entidades solidarias galegas o seu desenvolvemento a través da Rede.

Outro aspecto significativo do texto refírese á delimitación das competencias da Xunta e dos concellos. Atribúense á Administración Autonómica, ademais das funcións específicas nas situacións de emerxencia, accións de información, formación e promoción, realización de estudos, investigacións e estatísticas, xestión do rexistro de entidades, e establecemento dos criterios para obter subvencións. Pola súa banda, para a Administración Local déixase, entre outras, a promoción e programación da coordinación das actuacións no seu ámbito territorial, difusión de información, formación e asistencia técnica, promoción de estudos e investigación, e seguimiento e inspección das entidades.

O fomento da solidariedade, a través, entre outras fórmulas, da elaboración do Plan Galego do Voluntariado, a prestación de información e asesoramiento a través do Teléfono Solidario, a creación da Estación Galega do Voluntariado e da Rede Galega do Voluntariado, e a definición das funcións do Consello Galego do Voluntariado, como órgano consultivo e de participación competente nesta materia e que ten como finalidade a promoción, seguimiento e análise das actividades, figuran tamén na proposta normativa.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado da Xunta de Galicia