Skip to main content

Sanidade e Familia amplían a atención farmacéutica nos centros para persoas maiores e con discapacidade da Xunta

Os titulares das Consellerías de Sanidade, José Manuel González; e de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, Pilar Rojo Noguera, asinaron o acordo de colaboración entre ámbalas dúas institucións para presta-la atención farmacéutica que precisan as persoas maiores e as persoas con discapacidade residentes nos centros de asistencia social dependentes da Consellería de Familia.

Esta sinatura é un chanzo máis no desenvolvemento do Plan de Ampliación da Atención Farmacéutica en Centros de Asistencia Social co que Sanidade duplica a asistencia farmacéutica, dando cobertura a máis de 5.000 novos usuarios residentes en 47 centros de asistencia social emprazados nas diferentes áreas de influencia dos hospitais da rede do Servizo Galego de Saúde (SERGAS). O departamento sanitario que dirixe José Manuel González, contratará 16 novos farmacéuticos especialistas en farmacia hospitalaria para favorecer a case o 100% dos usuarios de asistencia social, ofrecendo así unha atención farmacéutica individualizada.

O Plan de Atención -de implantación progresiva- iniciárase coa sinatura hai uns días dos primeiros seis convenios con entidades sociais, tan só uns días despois de que José Manuel González o expuxera aos membros do goberno galego na Reunión anual en San Estevo, e o mesmo día no que se informaba en Consello da Xunta.

Pola súa banda, e trala sinatura do acordo, a conselleira de Familia sinalou que o seu departamento “está a ofrecer unha estratexia global para que as persoas dependentes poidan, en primeira instancia, permanecer no seu entorno social e familiar coas mellores garantías”.

Nos casos que a permanencia no fogar non sexa posible, Pilar Rojo explicou que a Consellería de Familia dispón dunha rede de centros residenciais e de día que está cada vez máis estendida por todo o territorio galego e que se pretende continuar incrementando. A este respecto, sinalou que o obxectivo de seu departamento é finalizar este ano cun número de prazas próximo ás 7.500 e chegar ás 8.200 no 2006. “Isto permitiranos acadar os ratios de cobertura marcados polo Plan Galego de Persoas Maiores”, sinalou.

IMPLANTACIÓN PROGRESIVA

En base ao acordo, a atención farmacéutica a través do Plan de Ampliación realízase de xeito integrado e coordinado, proporcionando unha axeitada cobertura, conservación, e custodia dos medicamentos e produtos sanitarios, unha dispensación eficiente e unha información pertinente sobre o seu emprego.

Pero, xunto con isto, téñense asinado os catro primeiros convenios, en Santiago de Compostela, cos responsables da xestión da Residencia Santa Olalla de Boqueixón, do Centro Residencial O Castro, S.L, da Residencia Puentevea, e da Residencia San Simón, adscritos ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS).

Os seguintes convenios na Coruña foron cos responsables da Residencia Agarimo de Oleiros, e o do Centro Residencial Concepción Arenal, adscritos ao Complexo Hospitalario Juan Canalejo da Coruña. Nos próximos meses, ata xullo, asinaranse os restantes convenios ata completar a atención nas catro provincias galegas.

MULTIPLICAR POR DOUS OS RECURSOS

Na actualidade, xa hai 14 farmacéuticos especialistas en farmacia hospitalaria que prestan atención farmacéutica a 3.586 residentes, persoas maiores e con discapacidade, en 25 centros, emprazados nas catro provincias galegas. A Consellería de Sanidade contratará a 16 farmacéuticos máis, e pon en marcha este Plan de Ampliación da Atención Farmacéutica nos Centros de Asistencia Social dando os primeiros pasos para o seu desenvolvemento, e así lograr, neste primeiro semestre do presente ano 2005, unha cobertura de atención farmacéutica de practicamente o 100% dos usuarios residentes nestes centros en toda Galicia, preto de 9.000 beneficiarios.

Neste senso, a Consellería de Sanidade cumpre xa un dos seus compromisos no eido farmacéutico facilitando o acceso á atención e aos recursos farmacéuticos financiables que estes usuarios precisan a través de farmacéuticos especialistas. Estes profesionais desenvolven as súas tarefas asistenciais no propio centro de asistencia social, e realizan, entre outras actividades, a dispensación de farmacoterapia, o seguimento individualizado da terapéutica medicamentosa, e proporcionan a información terapéutica que requiren os propios residentes ou os profesionais sanitarios destes centros sociais.

ATENCIÓN INDIVIDUALIZADA

Coa atención Farmacéutica nos centros de Asistencia Social aumenta a seguridade na dispensación individualizada baixo a supervisión de especialistas en farmacia hospitalaria. Proporciónase tamén aos usuarios ingresados nestes centros os recursos farmacoterapéuticos e humanos necesarios a través do hospital de referencia garantindo unha atención de calidade e centrada no usuario. Deste xeito, iguálase o servizo que reciben ao mesmo que recibirían nun centro hospitalario.

Paralelamente, lógrase un emprego eficiente dos recursos farmacoterapéuticos, e supón un aforro anual estimado de cerca de dous millóns e medio de euros. A mellora ofrecida a través deste servizo redunda igualmente nunha diminución da estadía hospitalaria e da carga de traballo dos médicos de cabeceira aos que estaba asignada a atención dos residentes nestes centros.
Gabinete de Comunicación do Sergas (Xunta de Galicia)