Skip to main content

Constituída a Mesa de Coordinación dos Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia

José González puxo en valor o traballo dos 24 Grupos de Desenvolvemento Rural, aos que cualificou dos 'nosos ollos no territorio' para facer fronte aos retos do futuro do rural da comunidade galega. Na súa intervención, o conselleiro salientou a importancia da creación dun órgano de traballo coma este, que amosa a vontade de seguir traballando a prol do rural, ademais dun compromiso por xerar sinerxías, priorizando “a coordinación e a transversalidade”, segundo dixo. Precisamente, este novidoso órgano de traballo e participación, que contará cunha periodicidade de celebración trimestral, permitirá por unha banda abordar temas e propostas de actualidade, procedementos, suxestións de cada un dos grupos, ademais da mellora da visualización do traballo de cada un dos GDR e da comunicación entre eles.

Do mesmo xeito, o conselleiro destacou que ademais da propia actividade dos GDR, tamén é fundamental dotalos das ferramentas precisas para mellorar a calidade de vida do rural galego, coa vista posta en ferramentas como a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que garante a posta en marcha de actividade agrogandeira e forestal con valor engadido e, ao tempo, fomenta a remuda xeracional e avanza na anticipación aos incendios, afirmou o conselleiro. Nesa liña, lembrou que a Xunta presentou un proxecto tractor para acceder a fondos europeos que implica os GDR, para mobilizar 18.000 hectáreas e a creación de 200 aldeas modelos.

Así mesmo, José González tamén recordou que o compromiso da Xunta co rural se estende ás diferentes estratexias sectoriais iniciadas a prol dos eidos produtivos máis relevantes do noso sector primario, como a do lácteo ou a do sector vitivinícola e proximamente a da carne, defendendo as nosas características particulares para o beneficio de moitos gandeiros e gandeiras galegas.

Na súa intervención, o conselleiro sinalou que o Goberno galego está interesado en identificar aqueles proxectos que están funcionando nalgún grupo e que teñen capacidade de chegar á totalidade do territorio. Canalizados a través desta Mesa de Coordinación -engadiu- deben servir para delimitar estratexias no conxunto da comunidade co obxectivo de concibir o rural galego como “un conxunto que ten que evolucionar cara ao que todos desexamos”.

Xornada de formación

Ademais da constitución da Mesa de Coordinación do GDR de Galicia, tamén se celebraron previamente dúas sesións formativas dirixidas fundamentalmente aos traballadores dos GDR. A primeira delas, impartida polo responsable de Control e Estratexia do Fogar de Santiso, Víctor Lama, estivo enfocada á activación do rural; mentres que a impartida polo director de programas estratéxicos de Televés, Sebastián Pantoja, orientouse ás oportunidades que ofrece a dixitalización nas aldeas modelo.
Mesa de Coordinación dos Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia