Skip to main content

Play Doc propón un roteiro cinematográfico nocturno polo centro histórico de Tui

Despois do éxito na edición pasada, o festival volve sacar o cinema fóra das salas. Baseándose na idea de que as creacións audiovisuais funcionan de maneira moi diferente nun espazo público e aberto que na sala pechada dun cinema, o festival pretende provocar con este roteiro audiovisual unha interacción entre diferentes instalacións e os lugares onde son proxectadas, convertendo as paredes da cidade en pantallas ocasionais.

Os participantes crearán instalacións audiovisuais inéditas e traballarán complementando o seu propio material cun banco de imaxes de arquivo proporcionado polo festival, que consiste nunha colección de cinema doméstico, filmado en super 8 polos habitantes de Tui nas décadas dos 60, 70 e 80.

Nesta edición Play-Doc contará coa participación de seis vídeo artistas de recoñecido talento como son o barcelonés Juanjo Fernández Rivero, o portugués afincado en Texas, Joao Beira. Tamén creadores vinculados á escena galega e con forte proxección internacional como son Juanma Lodo, Montse Piñeiro, ou o colectivo AA++ de Ángel Rueda e Ana Domínguez.

Juanjo Fernandez Rivero (Gnomalab) é un artista- tecnólogo do audiovisual expandido, vj, membro do aclamado grupo musical The Suicide of Western Culture e un dos creadores de videomapping máis coñecidos na escena internacional. O portugués João Beira é investigador e fundador do colectivo de artistas- codificadores Datagrama. Na última década, João e Datagrama colaboraron con nomes como Tipper e presentado instalacións artísticas en recoñecidos festivais e eventos de arte internacional como SXSW e Burning Man.

A representación galega será a cargo Juanma Lodo, artista multidisciplinar e músico experimental cunha gran actividade noutros campos como a fotografía, o cinema, o deseño gráfico ou a artes plásticas e multimedia. Igualmente ampla é a traxectoria da escenógrafa e iluminadora Montse Piñeiro, que nos seus traballos tamén experimenta coa fotografía, a escultura e as artes visuais, desenvolvendo a súa carreira profesional no mundo da ilustración, a animación e a escultura.

Completan o grupo os coruñeses do Colectivo AA++ formado por Ana Domínguez e Ángel Rueda, que desenvolve a súa obra a través da investigación e representación en vivo das tecnoloxías óptico mecánicas do cinema, explorando as posibilidades creativas da proxección cinematográfica e a súa percepción sensorial. Na actualidade codirixen o (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña.

Cinema Percorridos II: Visións Nocturnas, trátase dun evento único e orixinal producido en exclusiva por Play-Doc que expón unha exploración polos novos camiños polos que discorre a creación audiovisual contemporánea.
Festival Internacional de Cinema Play-Doc