Skip to main content

Xustiza financiará os premios Montero Ríos e Iurisgama da Asociación de Xuristas Galegos en Madrid

O conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, Xesús Palmou, e o presidente da Asociación de Xuristas Galegos en Madrid (IURISGAMA), Carlos Lema, asinaron un acordo de colaboración mediante o que a Consellería financiará a dotación económica e os gastos que se deriven da concesión dos premios “Montero Ríos” e “Iurisgama”, concedidos por esta Asociación e dedicados a premiar o labor meritorio de ilustres xuristas galegos.

Polo acordo asinado a Consellería de Xustiza financiará os devanditos premios, dotando a cada un deles con 3.000 euros, así como os gastos que deriven da súa concesión, aos que a Consellería destinará outros 3.000 euros. O acordo enmárcase dentro da liña de colaboración que a Consellería de Xustiza mantén coas institucións relacionadas co ámbito xudicial.

IURISGAMA

A Asociación de Xuristas Galegos en Madrid, responsable da organización e concesión dos premios “Montero Ríos” e “IurisGama”, xurde como consecuencia do aglutinamento dos numerosos xuristas que residen na capital de España e ten, entre outros fins, ademais do de interrelacionar a estes profesionais, o estudio, promoción e desenvolvemento do Dereito Galego, manter un seguimento da actividade parlamentaria galega, especialmente na súa vertente lexislativa, así como a elaboración de informes sobre temas relevantes do Dereito, e en especial do Dereito de Galicia.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local da Xunta de Galicia