Skip to main content

Bota a andar 'O soño musical dos mapas celestes', arte e ciencia transdisciplinar no Camiño de Santiago

O espectáculo conta tamén con textos do profesor da Facultade de Física da USC José Edelstein, coa voz da cantante Uxía e coa interpretación da actriz Celtia Figueiras. “A disposición das estrelas no lenzo da noite ofrécese como unha linguaxe musical. Os puntos deveñen sucos ao habitar o tempo e o ceo convértese nunha partitura circular”, explican os responsables do espectáculo. Estes retrincos musicais dos mapas celestes flotan na escena, habitando o espazo, “mentres soan como cristais de tempo nos instrumentos mecánicos” interpretados por Germán Díaz.

A vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo Moledo, quixo subliñar na rolda de prensa de presentación celebrada este xoves no Pazo de San Roque, a importancia de dar pulo, dende a Universidade, a proxectos que combinen arte e ciencia, tal e como sucede nesta iniciativa do IGFAE, xa que “esta é unha vía idónea para achegar o universo da investigación e as súas achegas a toda a cidadanía”. Mar Lorenzo quixo poñer tamén o foco na necesidade de outorgar visibilidade á muller no seo da indagación científica. En ‘O soño musical dos mapas celestes’ unha muller “é a encargada de transitar o Camiño de Santiago ao longo dos séculos mentres reflexiona sobre a maneira na que habitamos o espazo e o tempo”, explicou a vicerreitora responsable de Igualdade. Na rolda de prensa tamén tomou parte Valentín García Gómez, o secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Mercedes Rosón Ferreiro, concelleira responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural e Igualdade do Concello de Santiago, xunto ao director do IGFAE Carlos A. Salgado e o equipo artístico do espectáculo.

A estrea terá lugar o martes 7, ás 19.30 horas con invitación previa, mentres que as representacións abertas ao público desenvolveranse os días 8, 9 e 10 de setembro ás 19:00 e 20:30 horas (dúas funcións ao día) no Salón Artesoado do Colexio de Fonseca. A entrada é de balde con rexistro previo en bit.ly/soñomusicalrexistro ata o xoves 9 de setembro ás 12:00.

ArtLab

O diálogo entre a arte e a ciencia ocupa un importante espazo dentro da escena da arte contemporáneo e o IGFAE da USC busca promovelo a través de ArtLab, un espazo de diálogo, creado con motivo da acreditación de Unidade de Excelencia María de Maeztu que recibiu o instituto en 2017 e que fomenta iniciativas cuxo obxecto sexa tender pontes entre a sociedade e a comunidade investigadora a través de distintas expresións artísticas. No acto de presentación, o profesor da USC e director do IGFAE, Carlos A. Salgado, explicou que o IGFAE ArtLab, nace como “un espazo de diálogo entre arte e ciencia, dúas disciplinas que teñen en común a procura de territorios nunca antes explorados ou imaxinados; trata non só de atopar novas maneiras de comunicar a actividade científica, senón tamén de activar a creatividade e xerar novos camiños en ambas disciplinas”. Tamén sinalou que ‘O soño musical dos mapas celestes’ é un exemplo excelente destes obxectivos, unha performance mestiza onde cada participante achega elementos da súa especialidades nos que o conxunto non pode existir. “O IGFAE ArtLab está xa proxectando novas actividades que serán presentadas nos próximos meses ”, apuntou o profesor da USC.

Transformar o cosmos nun texto

Os puntos luminosos na noite escura son tamén un texto e o profesor da USC José Edelstein, seguindo a tradición de Pitágoras e Kepler, explora as secretas harmonías da música do cosmos nesa gran danza astronómica, narrándoas a través dalgunhas historias do Camiño de Santiago. “Ao longo dos séculos este foi transitado por cegos que levaban historias e romances na chamada literatura de cordel, á vez que adoitaban tocar a zanfona. Durmían á beira do camiño, de fronte ao ceo, de fronte a un magnífico texto en braille. Todo nesa bóveda celeste é pasado. Fixar nela os ollos máis que ver é lembrar, volver pasar polo corazón. As cartografías do ceo son memorias do Camiño”, explica. Læila, unha muller interpretada por Celtia Figueiras, transita o Camiño ao longo dos séculos. En diálogo con personaxes do Camiño, reflexiona sobre a maneira na que habitamos o espazo e o tempo, convertendo o cosmos nun texto e o territorio, nun organismo vivo. A voz de Uxía evoca estes aspectos do cosmos e os ecos sonoros do Camiño de Santiago.

“O Camiño de Santiago preséntase como un texto, reflexo doutro que habita o ceo: a Vía Láctea. Tamén como un río, que conecta, irriga, constitúe. O devir do río asóciase ao paso do tempo. Se as estrelas antigas son o texto, o lenzo nocturno é aínda máis antigo”, explican os responsables do espectáculo. Así, no fondo da noite, albíscase o nacemento do tempo.
Universidade de Santiago de Compostela