Skip to main content

Xosé Alfredo Naz Fernández convértese no gañador do VI Concurso 'Balbino' de Relatos

O xurado, composto por Carlos Loureiro (profesor e escritor), Xoán Carlos García Porral (profesor e escritor), Xosé Manuel Lobato (profesor e escritor), Rosalía Morlán (escritora e poeta) e Armando Requeixo (profesor, escritor, investigador e crítico literario) destacaron a estimable participación nesta convocatoria, na que concursaron preto dunha vintena de orixinais, tanto relatos como novelas, de notable calidade, que achegaron diferentes visións do rural galego, a emigración e o mar, valorando a defensa da nosa cultura, o que permite consolidar este premio como un referente para os nosos escritores e escritoras.

Non obstante, o xurado inclinouse por outorgar o premio, por maioría, ao texto presentado baixo o título O afiador, que correspondía co lema “Terra da Chispa”, resultando da autoría do vigués Xosé Alfredo Naz Fernández.

"O xurado estimou nesta proposta o suxestivo ganduxado de diversas historias que teñen como común denominador a figura emblemática do afiador. Os personaxes que aquí comparecen son un espello da nosa paisaxe e paisanaxe, que se configura como unha homenaxe ao noso universo telúrico, con intelixentes insercións de diferentes materiais da nosa mellor literatura de tradición oral, todo orquestrado nunha estrutura consistente, de implicacións cruzadas que se amosa como un perfecto mecano narrativo.

Así mesmo, o xurado quere salientar a estimable participación nesta convocatoria e a calidade dalgúns dos textos presentados, que incluíron tanto conxuntos de relatos coma novelas.".

Concurso

Baixo o nome de “Balbino”, protagonista da obra máis internacional da literatura galega Memorias dun neno labrego, do célebre escritor Xosé Neira Vilas, este concurso xurdiu no ano 2016 co fin de promocionar a literatura, a lingua e aos/ás escritores/as de Galicia.

De periodicidade anual, as bases que debían cumprir os orixinais presentados requirían unha extensión de entre 100.000 e 180.000 caracteres e, como non, centrarse na temática galega, co rural, o mar ou a emigración como protagonista.

Colaboracións

O Concurso “Balbino” de Relatos conta coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, o departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, a Fundación Xosé Neira Vilas, e os concellos de Boqueixón, Silleda e Vila de Cruces.

Publicación

Comeza agora o proceso para dar forma ao libro que verá a luz en próximas datas onde tamén se realizará o acto de entrega do premio ao gañador.

Autor

Xosé Alfredo Naz Fernández (Vigo, 1972), aínda que a súa profesión está máis encamiñada ao mundo das ciencias, pois exerce como profesor de matemáticas, conta cunha ampla traxectoria como escritor avalada por numerosos premios literarios entre os que destacan o certame Ánxel Fole, co que se fixo grazas á obra “O Fidalgo”; o XI Certame de relatos de aventuras Antón Avilés de Taramancos que gañou con “O sorriso de Hitler”; o XXXVI premio de narracións curtas Modesto Figueirido no que obtivo o primeiro premio con “O mal” e tamén o accésit con “A sombra da curuxa”. Tamén foi finalista en 2013 no certame de narracións breves Manuel Murguía.

Neste 2021 érguese como gañador do VI Concurso “Balbino” de Relatos coa obra “O afiador”.
Concurso 'Balbino' de Relatos