Skip to main content

O Centro Dramático Galego, Incendiaria e a Quinta do Cuadrante estrean en Ourense 'A lúa vai encuberta'

A peza, que materializa unha das nove coproducións previstas nesta temporada pola unidade teatral do Goberno autonómico, está dirixida por Tito Asorey coa dramaturxia de Vanesa Sotelo e foi a gañadora do II Certame Manuel María de Producións Teatrais.

A lúa vai encuberta céntrase na realidade galega e na loita incesante por conformar unha identidade propia. Con Tito Asorey, Melania Cruz, Davide González, e Vanesa Sotelo como intérpretes, a obra representarase no Teatro Principal de Ourense ata o domingo. Completan o equipo artístico Carlos Alonso, responsable do espazo escénico e vestiario, Laura Iturralde, de iluminación, e Davide González, de sonoplastia. Xunto ao CDG, participan tamén na produción da montaxe a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Canga e as deputacións de Ourense, Lugo e A Coruña co apoio de numerosos concellos.

Ampla colaboración institucional e co sector

Na súa intervención, Fran Núñez salientou a aposta da unidade de produción teatral da Xunta pola colaboración con todos os axentes do sector, así como con outras institucións e entidades, a prol da dinamización da escena galega. Trátase tamén de favorecer “o achegamento á cidadanía dos clásicos da nosa literatura adaptados á escena da man da dramaturxia contemporánea” apuntou. Neste ano, ademais das catro producións propias estreadas, o CDG participa en nove coproducións, o que supón a presenza de actividades ligadas á compañía pública en máis de cen concellos e cun total de funcións programadas que tamén supera o cento de accións.

De cara á nova temporada, a unidade de produción teatral da Xunta está xa no proceso de selección dos elencos das vindeiras producións. Trátase dunha adaptación teatral de A peste, de Albert Camus, dirixida por Cándido Pazó, e de Ás 8 da tarde cando morren as nais, baixo a dirección de Marta Pazos a partir da dramaturxia de AveLina Pérez.
Centro Dramático Galego