Skip to main content

Máis de 3.000 profesionais asistirán ás xornadas do SIS, nas que están directamente implicados arredor de 650 especialistas

O II Salón Internacional da Saúde abre as súas portas este mércores cos últimos avances relacionados co eido sanitario. Calcúlase que máis de 3.000 profesionais asistirán a esta segunda edición, na que están directamente implicados arredor de 650 especialistas (entre ponentes e membros dos Comités Científicos), en 40 Xornadas doutras tantas disciplinas.

Ademais hai que contar que na exposición xeral estarán presentes máis de 250 liñas de negocio de diferentes industrias relacionadas co sector médico-sanitario. O SIS 2005 celébrase no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago, onde se habilitou un pavillón anexo de 3.600 metros cadrados (que se suma aos 2.000 do propio edificio) para dar cabida a todas as empresas participantes.

No hall do Pazo santiagués haberá diferentes pantallas nas que se ofrecerán noticias e datos de interese para asistentes e participantes, para os que se habilitará un business-center con ordenadores que lles permitan manter a súa actividade diaria.

EMPRESAS RELACIONADAS COA SANIDADE

Son numerosas as empresas relacionadas co ámbito sanitario que colaboran dun ou doutro xeito coa segunda edición do Salón Internacional da Saúde. É o caso de HP, que ofrecerá distintos talleres sobre cómo aplicar as novas tecnoloxías para simplificar os procesos sanitarios, e que este ano presentará unha solución específica para o control do gasto farmacéutico e a ambulancia dixital, froito da colaboración con Citroën. Este vehículo poderase ver na exposición xeral, como parte dunha gama de coches de Citroën equipados como vehículos medicalizados e de asistencia rápida en estrada, dotados de tecnoloxía HP que permite, entre outros servizos, un contacto premanente co hospital ao que se traslada ao enfermo.

O maior provedor de solucións tecnolóxicas médicas, Ge Healthcare, que traballa de forma significativa en todas as áreas relacionadas coa oncoloxía, neuroloxía e os trastornos cardiovasculares, amosará no SIS o seu Sistema de Información Clínico para a xestión de coidados intensivos e anestesia, e a última tecnoloxía en Sistemas de Información, tanto para Radioloxía como para Cardioloxía. Presentará ademais un novo radiofármaco para identificar os déficits dopaminérxicos no parkinson.

No seu compromiso de contribuír á mellora das organizacións sanitarias, IBM participará na exposición xeral e tamén nas Xornadas Científicas. Así, na de Informática Sanitaria ofrecerá a súa visión da evolución dos sistemas e tecnoloxías da información e a súa aplicación á sanidade, e na de Biotecnoloxía e Innovación falará da transformación e o avance cara a unha medicina basada neste activo: a información.

Na exposición xeral estará tamén Coremain, provedor global para o sector sanitario, ao que achega proxectos de consultoría; operativos para as áreas administrativas, funcionais e organizativas, así como sistemas de información. A súa participación non se limitará á exposición xeral, e terá tamén presenza activa nas Xornadas Científicas. O mesmo que AGFA Gevaert, á que os seus máis de cen anos de historia converten na empresa número un en España en equipos de radioloxía computerizada e de impresión e subministro de película radiolóxica. Cabe destacar a súa experiencia en sistemas de información radiolóxica e imaxe médica dixital, mercado no que conta co maior número de instalacións en Europa.

200 PERSOAS MOBILIZADAS

Unhas 200 persoas traballan para garantir o éxito do Salón. Son operarios que se ocupan da montaxe e mantemento das estruturas que se utilizarán no SIS; técnicos de imaxe e son, e informáticos que se encargan da parte referente ás novas tecnoloxías; así como conductores, que estarán preparados para os traslados dos ponentes que participan directamente nas Xornadas Científicas, e para os que se habilitará unha sala especial no aeroporto de Santiago.

No II Salón Internacional da Saúde traballarán 60 azafatas, que se ocuparán de atender a participantes e asistentes, así como unha ducia de persoas formando parte da organización, que conta coa colaboración de TOYPES (responsable do deseño dos seus traxes e os das azafatas) que, desde Lalín, e tras 25 anos no mundo da moda, se converteu en referente no sector textil español, cun cadro de persoal próximo aos douscentos profesionais.
Gabinete de Comunicación do SIS (Xunta de Galicia)