Skip to main content

Os profesionais da sanidade asistentes ao II Salón Internacional da Saúde achegaranse á historia e a cultura de Galicia

Moitos dos profesionais da sanidade que van participar e asistir durante os tres próximos días ao II Salón Internacional da Saúde están xa na capital galega, que se converterá en eixo do mundo sanitario. Serán máis de 300 ponentes e 350 membros dos Comités Científicos, aos que se sumarán o resto de asistentes ata superar as 3.000 persoas.

Para todos eles, a segunda edición do Salón Internacional da Saúde será unha oportunidade para coñecer de primeira man os últimos avances en numerosos campos, así como para intercambiar coñecementos con outros especialistas de ata 40 disciplinas. Pero tamén será unha forma de achegarse un pouco máis á historia e á cultura de Galicia. Para avanzar nesta aproximación, participarán na tradicional Ofrenda ao Apóstolo Santiago, e poderán ver en funcionamento ao enorme Botafumeiro da Basílica.

Terán ademais a posibilidade de presenciar en directo un concerto da Real Filharmonía de Galicia, e de asistir a un concerto de órgano de Ramón González de Amezua. Haberá tamén visitas guiadas ás cubertas do templo compostelán.

RICHARD STRAUSS E HAYDN E BACH NA CATEDRAL DE SANTIAGO

A Real Filarmonía de Galicia ofrecerá dous recitais na Básica Compostela, mañá mércores e o venres. O programa será o mesmo para as dúas xornadas e nel inclúense o Concerto para Oboe e Orquestra en Re Maior do compositor alemán Richard Strauss -con Thomas Indermühle, profesor do Conservatorio de Zürich, como solista-; e a Sinfonía número 94 en Sol Maior “Sorpresa”, do austríaco France Joseph Haydn.

A batuta levaráa o santiagués Maximino Zumalave, director de contrastada experiencia que participou de forma activa na posta en marcha da Real Filharmonía de Galicia, consolidada entre as mellores orquestras do panorama español, gracias a un duro traballo continuo desde 1996. Zumalave ten colleitado éxitos á fronte de numerosas formacións de toda Europa, e ten dirixido estreas absolutas de obras de Bernaola ou García Abril, prestando especial atención a novos compositores galegos como Xan Viaño.

O segundo día do Salón Internacional da Saúde, o xoves, os asistentes poderán desfrutar, tamén na Catedral de Santiago, dun concerto de órgano de Ramón González de Amezua, director da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, que interpretará pezas do compositor alemán Johann Sebastian Bach e de Juan Bautista Cabanilles, exemplo da mellor tradición renacentista española.

VISITA ÁS CUBERTAS DO SANTUARIO XACOBEO

Este ano, o programa social do SIS inclúe varias visitas ás cubertas do Santuario Xacobeo, nas que os asistentes terán acceso a unhas vistas privilexiadas non só do propio Templo, senón de parte da cidade de Santiago. Estarán ademais acompañados polo arquitecto encargado dos traballos de rehabilitación e conservación destes espazos, Ricardo Sanz.

As cubertas da Basílica Medieval foron de granito, e accedíase a elas a través das torres da fachada do Mestre Mateo. A fins do século XVIII-comezos do século XIX, a Catedral foi cuberta de tella, devolvéndoselle o seu carácter pétreo a mediados do século XX.

Cando o Cabildo de Santiago decidiu poñer en marcha estas visitas guiadas, acordouse que o acceso –tras a correspondente rehabilitación e conservación dos espazos-, sería desde o Pazo Xelmírez (Praza do Obradoiro), continuando o ascenso a través da Torre da Carraca, pasando sobre o Pórtico da Gloria e subindo os últimos treitos a través da Torre das Campás. De aí sáese á cuberta e, logo dun percorrido perimetral, báixase pola Torre da Carraca, coa saída, de novo, por Xelmírez.

Gabinete de Comunicación do SIS (Xunta de Galicia)