Skip to main content

Iria Flavia acollerá ata o 1 de abril de 2022 unha exposición en homenaxe a 'La Colmena' co gallo do 70 aniversario da súa publicación



Anxo Lorenzo estivo acompañado polos alcaldes de Padrón, Antonio Fernández Angueira; e Rois, Ramón Tojo Lens; así como pola concelleira de Cultura padronesa, Lorena Couso; a comisaria da exposición e coordinadora de Actividades Culturais da Fundación, Lourdes Regueiro; e o bibliotecario da Fundación, Iván Rodríguez Varela.

Anxo Lorenzo explicou que a exposición ofrece a historia das dificultades sufridas desde que o autor anunciara a idea dunha nova obra, titulada La clientela de María Domingo (1945), ata a derradeira edición da novela, que corresponde ao ano 2020. “Así mesmo–engadiu o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade– haberá un recordo especial para o recentemente falecido cineasta Mario Camus, director da versión cinematográfica deste retrato social e costumista da España dos anos 50”.

Pola súa banda, o alcalde de Padrón desexou que esta mostra axude a que a veciñanza do municipio, así como de concellos da contorna, “se acheguen por Iria Flavia para coñecer máis sobre La Colmena e sobre o seu autor”. Neste sentido, lembrou unha anécdota escrita polo propio Cela diante dos problemas que sufríu coa censura: “cogí tal cabreo con mis páginas y conmigo mismo que, sin encomendarme ni a Dios ni al Diablo, arrojé al fuego de la chimenea el gruso fajo de cuartillas del original. Mi mujer, que estaba cosiendo en una butaca frente a la mía, desbarató la lumbre y rescató los papeles de aquel auto de fe que no llegó a consumarse gracias a su intervención. A veces le guardo gratitud”. “Nós si que lle gardaremos por sempre gratitude a dona Rosario Conde por interromper aquel auto de fe que, por outra parte, demostra que estas páxinas non puideron estar máis zarandeadas, como di o título da exposición”, concluíu Fernández Angueira.

Medio cento de pezas

“La Colmena. Historia dunhas páxinas zarandeadas” amosará ao visitante preto de medio cento de pezas pertencentes ao fondo documental, bibliográfico e artístico da propia entidade.

Entre elas cómpre salientar o primeiro volume dos catro que forman o manuscrito orixinal da novela, a denegación da censura española á publicación do libro, as epístolas coa editorial Emecé (que o publicou en 1951 en Bos Aires) coa aceptación da edición, a autorización en 1962 da importación da obra ou a mesa de café na que o Nobel galego redactou a derradeira versión de La Colmena.

Así mesmo, pódense contemplar varias edicións significativas e a revista literaria Leer, que no ano 2005, a través dunha enquisa de Sigma 2, calificou esta obra como “a mellor novela española do século XX”.

Xa no eido do cine poderanse visualizar extractos da película homónima do ano 1982 La Colmena, galardoada co prestixioso Oso de Ouro do Festival de Cine de Berlín en 1983, onde Camilo José Cela interpreta a personaxe de Matías Martí, así como o guión cinematográfico do filme e unha réplica do galardón berlinés.

Estes materiais compleméntanse cunha serie de paneis coas palabras do propio Camilo José Cela narrando a historia da súa novela, así como ofrecendo a súa definición da novela. Por outra banda, as opinións dos expertos celianos completan o marco histórico da mellor novela da posguerra española.
Concello de Padrón