Skip to main content

Reganosa instala a cúpula do primeiro tanque da planta de regasificación de Galicia

Os conselleiros de Economía, José Antonio Orza Fernández, e de Innovación, Industria e Comercio, Juan Rodríguez Yuste, presenciaron, xunto co presidente de Reganosa, Félix Alonso, o labor de izado da cúpula do primeiro tanque da Planta de Regasificación de Galicia.

A espectacular manobra, que acontece dez meses despois de iniciadas as obras, culmina o peche exterior do primeiro dos dous depósitos cos que contará a Planta, ubicada no municipio coruñés de Mugardos. Os traballos executados ata o de agora supoñen o 38 % do proxecto de construcción e un investimento de 84 millóns de euros, dos 387 millóns que figuran como presuposto total. Calcúlase que as obras requerirán 2’6 millóns de horas de traballo/home (500 operarios durante tres anos), e está previsto que os labores se prolonguen durante dezaoito meses, de xeito que a Planta comece a funcionar comercialmente a primeiros de 2007, coas centrais asociadas de Endesa e Unión Fenosa, en As Pontes e Sabón-Arteixo respectivamente.

Ó tempo que se está a avanzar na construcción física da regasificadora, xa se ultimou tamén a tramitación administrativa da rede de gasoductos. Espérase que os adxudicatarios podan inicia-los traballos a finais deste mesmo ano.

680 TONELADAS E 76 METROS DE DIÁMETRO

O izado da cúpula, cun peso de 680 toneladas, ata o seu emprazamento definitivo (a 41’7 metros de altura), foi posible grazas á forza do aire e tras complexos estudos técnicos. Para elevala, introducíronse baixo a cúpula sete equipos soplantes- unha especie de grandes ventiladores- capaces de emitir un caudal unitario de 290 m3 por minuto (120.000 m3 á hora), polo que non foi preciso utilizar guindastres nin outros mecanismos. A operación durou tres horas.

A cúpula está formada por 28 grandes módulos de aceiro aleado ó carbono, que foron introducidos no interior do primeiro depósito de Reganosa e que, unha vez soldados, formaron un conxunto de 76 metros de diámetro que permaneceu na base do tanque ata que o remate do muro de formigón permitiu o izado.

Unha vez acadada a súa posición final, a cúpula metálica foi soldada polo exterior de forma provisional, o que posibilitou elimina-la sobrepresión de aire e conclui-la manobra. Durante as tres vindeiras semanas, un equipo de especialistas fixará a peza á parede coa soldadura definitiva.

Toda esta operación repetirase antes de un mes co segundo dos tanques que se constrúen na terminal.

RITMO DA OBRA

Para conseguir celeridade no ritmo de obra executada ata o de agora e incorporar garantías adicionais de seguridade, foi clave o traballo previo de estudo do proxecto e de enxeñería. Nestas tarefas, participaron os propios especialistas da dirección técnica de Reganosa, do principal contratista, Tractebel, e das enxeñerías Soluziona e Foster Wheeler. O proxecto de detalle da regasificadora contén máis de 6.000 planos, e o seu peso informático supera os tres gigas.

O acondicionamento da parcela, dotada dun peirao preexistente e operativo, iniciouse en xaneiro de 2004, con movementos de terra e canalizacións de auga e enerxía eléctrica. Tamén se habilitou a base dos tanques, onde o solo rochoso aporta garantías de estabilidade engadidas, sen necesidade de pilotaxe.

A primeira fase da construcción centrouse na losa, de 80 metros de diámetro e 1’60 de fondo, que forma a base dos depósitos. En cada tanque dispúxose un entramado de 832 toneladas de aceiro. Sobre esa rede vertéronse 5.498 metros cúbicos de formigón de alta resistencia.

Enriba da lousa ergueuse unha parede exterior construida con formigón de alta resistencia e postensado. Ten 41’7 metros de alto e 75 centímetros de grosor. O muro foi crecendo cada quince días en aneis de tres metros de alto.

A cúpula exterior será revestida cunha capa de formigón, e por dentro terá un teito suspendido fabricado en aluminio. No interior, a primeira parede e o fondo serán cubertos cun revestimento de 558 toneladas de aceiro aleado ó carbono. Después, levará unha capa de perlita e fibras illantes, que envolverá un tanque de aceiro aleado ó níquel; éste operará como primeiro contenedor do gas natural licuado. Cunha capacidade de 150.000 metros cúbicos, terá 74 metros de diámetro e 38 de alto.

Ademáis dos edificios de control e auxiliares, restan por instala-los sistemas de impulsión e vaporización, os dispositivos de descarga e seguridade, etc. En 2006, probarase a integridade dos depósitos, enchéndoos parcialmente de auga. Despois serán sometidos a unha limpeza e finalmente poranse en frío co fin de recibi-lo primeiro desembarco de gas licuado en proba.

8% DO CONSUMO GASISTA NACIONAL

A producción anual da Planta de Regasificación de Galicia representará, unha vez que entre en servizo, o 8 % da demanda gasista nacional.

A súa creación favorecerá non só os intereses de Galicia, senón tamén o sistema gasista nacional, xa que incrementará a capacidad de entrada de Gas Natural Licuado (GNL), o que permitirá atende-lo aumento da demanda prevista nos vindeiros anos. Tamén suporá unha maior capacidade de almacenamento de GNL, aspecto no que o sistema gasista español é deficitario na actualidade. É, ademáis, unha eficiente opción para o equilibrio do sistema gasista da Península Ibérica, posto que actualmente o cuadrante Noroeste carece de puntos de entrada de gas natural, e é o de menor desenvolvemento gasista dos catro cuadrantes.

Considerada a peza clave da estratexia enerxética da comunidade galega, a planta de regasificación conlevará unha mellora da competitividade industrial, ó permitir diversifica-la oferta enerxética e aumenta-la seguridade do abastecimiento. Así, cando entre en funcionamento, Galicia disporá de gas natural para a industria e a xeración eléctrica a prezos competitivos, e fará máis viable a construción de redes de distribución para achega-los beneficios do gas ás industrias e fogares galegos, mesmo os máis alonxados das redes xerais, dada a posibilidade de transporte terrestre.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia