Skip to main content

O Obradoiro Internacional de Tradución Poética da Illa de San Simón cumpre unha década con novas linguas

Faino, coma sempre, integrando o galego e tamén unha das outras cinco literaturas da Península Ibérica, neste caso tendo na ceense María Lado a perfecta anfitrioa lingüística e cultural e en Pablo Texón Castañón un prestixioso representante da literatura en asturiano.

Pero, ademais, o proxecto que se estende ata o vindeiro sábado 23 acolle nesta décima edición catro novos idiomas cos que nunca antes traballara: o albanés, o eslovaco, o flamengo e mais o grego. Fican representados polos esixentes perfís de quen son moi representativos/as poetas dos seus territorios lingüísticos e á vez experimentados tradutores literarios: respectivamente Arian Leka dende Dürres, Mária Ferencuhová dende Bratislava, Tom van de Voorde dende Bruxelas e Katerina Iliopoulou dende Atenas.

Ao longo desta semana de obradoiro intensivo, colectivo, presencial e recíproco, cada autor/a verte as súas cinco compañías á súa propia lingua, ao tempo que é versionado/a en cinco idiomas distintos, futuras tarxetas de presentación ou chaves a novos sistemas literarios. Ademais, o traballo en equipo dende un lugar tan concentrado e inspirador como a illa da ría de Vigo serve de punto de partida para toda unha semana de inmersión na nosa paisaxe, historia e patrimonio cultural que levarán de volta polo mundo.

A iniciativa complétase con dous recitais poéticos multilingües nos que os lectores e lectoras da Galicia sur poderán asomarse a estas seis brillantes poéticas europeas tanto como ao labor de tradución desenvolvido na illa, pois cada poeta recitará na súa lingua propia seguida das versións galegas preparadas nestes días. Serán actos abertos, gratuítos e ambos ás 19:30h: o xoves 21 na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo e o venres 22 na Casa das Campás de Pontevedra.

Impulsado pola Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, o obradoiro conta este ano coa cooperación da Dirección General del Libro y Fomento de la Lectura do Ministerio de Cultura xunto a outras colaboracións puntuais.
Obradoiro Internacional de Tradución Poética da Illa de San Simón