Skip to main content

Especialistas de universidades e da maxistratura analizan en Vigo os problemas actuais do proceso penal

Precisamente este é un dos temas centrais que se debateron esta semana no Congreso internacional Problemas actuais do proceso penal, un evento que contou coa participación de máis de 70 persoas, dende expertos de universidades ata xuristas, avogados e estudantes de ciencias xurídicas.

Pillado coordina este simposio, organizado dende a Área de Dereito Procesual da UVigo, co obxectivo de realizar unha “actualización en materia de proceso penal e, por isto, analizamos todas aquelas cuestións que resultan relevantes á vista das últimas novidades lexislativas ou xurisprudenciais que se plantexaron recentemente, tanto a nivel nacional como europeo, sobre xustiza penal”. O congreso, arrancou onte xoves na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e contou con sesións sobre as principais novidades que recolle o Anteproxecto de Lei de Enxuizamento Criminal, as modificacións incorporadas pola Ley Orgánica 8/2021, de 4 de xuño, de protección integral á infancia e adolescencia fronte á violencia, a nova Fiscalía Europea ou o inevitable impacto que xa ten e terá a intelixencia artificial no proceso penal.

En modalidade mixta, tanto presencial como virtual a través de Campus Remoto, o simposio forma parte das actividades formativas do Programa de doutoramento en xestión e resolución de conflitos. Menores, familia e xustiza terapéutica. De todas as comunicacións enviadas, que segundo Pillado destacan polo “alto nivel científico”, seleccionáronse seis que se expoñen oralmente, asinadas por docentes as universidades de Vigo, Santiago de Compostela, A Coruña, Sevilla e Pablo de Olavide.

Medidas para loitar conta a corrupción dende o proceso penal

Este venres un dos convidados máis destacados foi Antonio del Moral, maxistrado da Sala do Penal do Tribunal Supremo, que participou nunha mesa redonda sobre corrupción. Na súa intervención, o xuíz destacou que o proceso penal na loita contra a corrupción “ten moito que dicir, pero non é a única ferramenta, nin sequera me atrevería a dicir que sexa a principal”. Puxo o foco, como ferramentas de especial utilidade, na “na cultura da legalidade, a transparencia, a contratación pública e as cuestións relacionadas co financiamento de partidos”. Estas medidas “preventivas” son, ao seu entender, moito máis eficaces que o dereito penal, que ten que actuar cando “fallan estes mecanismos”.

Con todo, Del Moral tamén se referiu ao papel que o dereito penal xoga na prevención, “xa que cando ameaza con penas o que fai é disuadir de cometer determinados comportamentos”. Non obstante, o maxistrado considera que se ten posto demasiado o acento en incrementar as penas, “algo que ás veces pode ser necesario, pero o efecto disuasorio dunha pena, sobre todo, da súa inevitabilidade e da súa prontitude. Unha pena que non se sabe se vai chegar e que, cando chega, faino moi tarde, disuade moito menos que unha pena máis baixa pero que se percibe como inevitable e moi pronta”. Así, incidiu na importancia de avanzar na inevitabilidade, “que se consegue principalmente con transparencia”, e en prontitude, “acelerando a xustiza penal”. Unha “boa medida” para conseguir este obxectivo foi a que se adoptou en 2015 que aposta por evitar as macrocausas e se decanta polo “enxuizamento máis acotado e individualizado, que se traduce en máis prontitude”. A idea é evitar os procesos únicos, que se alongan durante anos e, no seu lugar enxuizar un feito “en canto haxa probas” e posteriormente facelo cos outros, para logo proceder á “refundición de penas que proceda”. De momento aínda non existen resultados para poder valorar a súa eficacia, xa que é de aplicación para procesos incoados despois de 2015, pero o maxistrado aposta pola súa utilidade, “é unha medida sinxela que pode ter efectos positivos”, remarca.

A intelixencia artificial no proceso penal

O congreso artéllanse arredor de mesas redondas temáticas que este venres se centraron “en temas de grande actualidade e repercusión social”, como puntualiza Pillado. Ademais do debate sobre a loita conta a corrupción, outra sesión centrouse en analizar como as novas tecnoloxías se están implementando na xustiza penal, “coas vantaxes, pero tamén cos grandes riscos que isto supón para os dereitos e garantías básicas do dereito ao proceso xusto”. Para abordar este aspecto, o congreso contou coa participación, entre outros, da profesora Silvia Barona Vilar, “unha das grandes expertas nesta materia” e autora da obra Algoritmización del Derecho y de la Justicia. De la Inteligencia Artificial a la Smart Justice, “de obrigada lectura para quen queira afondar no que significa a intelixencia artificial aplicada á xustiza”.

Esther Pillado tamén destaca o “compoñente internacional deste congreso”, que conta coa participación de dous expertos en materia de xustiza penal europea, procedentes Portugal: Jorge Costa, director xeral de Política de Xustiza de Portugal e “unha voz moi autorizada” para falar sobre a Fiscalía Europea; e o profesor Pedro Freitas, da Universidade Católica Portuguesa, que analizou como se traspuxo en Portugal a Directiva (UE) 2019/1937, de 23 de outubro de 2019, relativa á protección das persoas que denuncian infraccións da lexislación da UE.

Xornada do xoves

A xornada de onte xoves abordou un dos temas centrais do congreso, o Anteproxecto de LECrim aprobado polo Consejo de Ministros o 24 de novembro de 2020, que substituía á actual lei, vixente dende 1882 e suporá, destaca Pillado, “un gran cambio da configuración do noso actual proceso penal”. Neste debate participaron Juan Luis Gómez Colomer, catedrático de Dereito Procesual da Universidad Jaume I de Castellón e presidente da Comisión General de Codificación, “o órgano encargado de asesorar ao Ministerio de Justicia en materia de lexislación procesual”. Outro tema destacado foron as implicacións que a Ley Orgánica de protección integral a la infancia y la adolescencia fronte a la violencia supuxo “para o noso sistema de xustiza xuvenil, en especial, no que refire á medidas de protección ás vítimas de delitos cometidos por menores de idade. Tamén se analizaron os pasos que se están a dar para unha maior integración entre os estados membros da UE en materia de xustiza penal, algo que, “como nos recordan moi frecuentemente os titulares da prensa, pese aos avances acadados nos últimos anos, segue presentando deficiencias que é necesario ir corrixindo”. Neste sentido, falouse de cooperación xudicial penal entre os Estados membros que facilite a investigación e enxuizamento da delincuencia nacional e transfronteiriza, co obxectivo final de acadar un auténtico espazo europeo de liberdade, seguridade e xustiza.
Universidade de Vigo