Skip to main content

O 'Proxecto Nós' procura situar a lingua galega na vangarda das tecnoloxías intelixentes

Antonio López salientou a transcendencia desta iniciativa que buscar ser “motor de dinamización da lingua, e da investigación e a industria neste ámbito a través da interrelación da tecnoloxía, a intelixencia artificial e as humanidades”.

Á súa vez, o titular de Cultura apuntou que se trata dun “proxecto ambicioso, de país, pensado para o curto, medio e longo prazo e no que resulta imprescindible un apoio público que garanta chegar alá onde o mercado non chega”.

O convenio de colaboración entre ambas institucións supón un primeiro investimento de 150.000 euros que dará á definición, o deseño e planificación da proposta inicial da estratexia de actuación e da captación de fondos europeos cos que a Xunta de Galicia pretende que o ‘Proxecto Nós’ alcance os 15,5 millóns de euros.

De xeito coordinado e colaborativo, a Universidade de Santiago, a través do Instituto da Lingua Galega (ILG) e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), e a Xunta, mediante a Secretaría xeral de Política Lingüística, do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e da Amtega, comezarán coa catalogación dos recursos dispoñibles para levar a cabo a planificación das diferentes partes do ‘Proxecto Nós’ en dúas grandes áreas: procesamento de voz e procesamento de texto. Neste proceso, definiranse os equipos de traballo, as estratexias de coordinación entre eles e metodoloxías de seguimento e avaliación da calidade, tanto dos recursos como das ferramentas resultantes.

Asistentes de voz e teleasistencia avanzada

A finalidade última do ‘Proxecto Nós’ é situar o galego na vangarda da intelixencia artificial e das tecnoloxías lingüísticas para posibilitar o uso natural desta lingua nas interaccións dixitais entre as persoas e os dispositivos tecnolóxicos. A iniciativa busca desenvolver unha ampla variedade de recursos lingüísticos dixitais de calidade en galego, gratuítos e en código aberto para que poidan ser empregadas pola cidadanía e por todo tipo de empresas e institucións, posibilitando o acceso en lingua galega a un gran abano de produtos dixitais presentes pero tamén futuros.

Nesta liña, o proxecto traballará cara á presenza do galego en asistentes de voz, subtitulación automática de contidos audiovisuais, apoio ao diagnóstico médico, servizos de teleasistencia avanzada, tramitación administrativa a través de asistentes virtuais, entre outros desenvolvementos.
Universidade de Santiago de Compostela