Skip to main content

O programa 'Unha enxeñeira ou científica en cada cole' achega ao alumnado de primaria o labor de científicas referentes

Encina Calvo, profesora da área de Física Aplicada da USC e Eva Aguayo, responsable da Oficina de Igualdade de Xénero (OIX) da universidade, coordinan este programa que busca sementar nos centros de ensino o xerme para que a elección de titulacións deixe de reproducir o nesgo presente nos roles tradicionais de xénero.

O programa sinala que a pesar da crecente presenza das mulleres no alumnado universitario, a súa distribución é desigual entre as distintas titulacións. En particular, na Universidade de Santiago de Compostela os datos do último diagnóstico de igualdade amosan que no curso 2019-20 as alumnas son un 62,83% do total do estudantado de titulacións de grao. Porén, unha ollada á súa presenza nas titulacións do ámbito das CEMT (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) revela que os estereotipos vencellados ao xénero continúan a marcar as súas escollas. Así, as mulleres ocupan apenas o 31,22% na área de enxeñaría, o 22,73% no dobre Grao en Matemáticas e en Física, o 20% no Grao de Robótica e o 13,17 % no Grao en Enxeñería Informática, por mencionar uns exemplos. A persistencia deste reparto desigual no só prexudica ás mulleres, reducindo ás súas oportunidades de traballo e de participación nos avances e decisións do futuro tecnolóxico, senón que afecta aos resultados das investigacións, a innovación e polo tanto á sociedade.

Para poñerlle fin, a sexta edición da actividade ofrece once obradoiros en liña de temática variada arredor da física, as matemáticas, a computación, a química ou a óptica que achegan de forma divertida estas disciplinas ao alumnado de primaria, e amosan as contribucións das mulleres nestas áreas. Impartidos por investigadoras e docentes da USC e o CESGA, compleméntanse con outra documentación tamén dispoñible na web da actividade que inclúe referencias a contos e relatos de mulleres que contribuíron ao avance da ciencia e a tecnoloxía.

A proposta didáctica deste ano componse dos cursos Coas mates pódense gardar segredos, impartido por Elena Vázquez Abal, profesora da Área de Xeometría e Topoloxía da USC; Física Divertida, da man das profesoras Mª José Pérez Comuñas e Encina Calvo Iglesias, da Área de Física Aplicada da USC; O pensamento computacional sen tecnoloxía e A enxeñaría e a ciencia, ambos os dous impartidos pola profesora da Área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial e investigadora do CITIUS, Eva Cernadas; AstrónomAs, outro universo por coñecer, coa profesora de Astronomía da USC e investigadora do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, Josefina Ling Ling; Xogando coa luz, impartido polas profesoras e investigadoras Maite Flores, María Aymerich e Carmen Bao da Área de Óptica da USC; Luz, cor e sombra, coas docentes Elena López Lago e Dolores Mouriz Cereijo da mesma área; A maxia que hai detrás da Física, da man de María José Gómez Calero, investigadora do Insituto Galego de Física de Altas Enerxías; Só facemos química cando imos ao laboratorio?, coas docentes Mª Raquel Domínguez González do Departamento de Química Analítica e Ana Mª García Deibe do Departamento de Química Inorgánica da USC; e Computando cunha soa man, con Cecilia Grela, Natalia Costas Lago e M. José Rodríguez Malmierca, investigadoras do CESGA.

Para participar no programa, as persoas responsables dos centros de ensino interesados deberán cumprimentar un formulario de contacto que está dispoñible no portal unhaencadacole.gal
Universidade de Santiago de Compostela