Skip to main content

Unha exposición visibiliza ás 'mulleres que nos levaron á lúa'

A mostra foi presentada no Centro Cultural Marcos Valcárcel coa presenza do vicepresidente da Deputación, César Fernández; a deputada de Igualdade, Luz Doporto; e as promotoras desta iniciativa: Nieves Lorenzo e Inés Álvarez, profesoras do campus de Ourense; Encina Calvo, da Universidade de Santiago de Compostela, e a ilustradora da mostra Manuela Elizabeth Rodríguez “MeliMolita”. No acto, Nieves Lorenzo, profesora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus, explicou que a idea desta exposición ten como punto de partida a inquedanza do profesorado universitario pola escasa presenza de mulleres nos graos científicos e tecnolóxicos e a falta de referentes femininos nestas disciplinas, así como polo éxito doutra mostra, Mulleres na Ciencia, organizada polas promotoras desta nova iniciativa trala declaración, por parte da ONU, do 11 de febreiro como o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Na actualidade, lembrou a profesora, “unha de cada cinco persoas que traballan na industria aeroespacial son mulleres, das que só o 15 % cursan estas titulacións, cando esta enxeñaría, xunto coa de Informática, son profesións de futuro nos ámbitos tecnolóxicos e da innovación que, ademais, poden estudarse no campus ourensán”. Pola súa banda, César Fernández puxo en valor “a innegable presenza activa da muller na historia da ciencia, pero que cómpre visibilizala”, sinalando que precisamente o mes de novembro, que está a piques de comezar, “é moi simbólico e significativo en tanto que a invisibilidade da muller tamén pode interpretarse como un xeito de violencia”.

Referentes femininos

Na mostra, explican as súas promotoras, ponse de relevo o traballo das mulleres que hai 50 anos foron claves para o éxito da misión do Apolo XI e a chegada da primeira persoa á lúa, visibilizando referentes femininos en ámbitos de futuro como a enxeñería aeroespacial. Consta de doce paneis, con textos e ilustracións, nos que se recolle a biografía e logros do equipo de enxeñeiras, matemáticas, físicas e informáticas que tiñan como misión vixiar e preparar os cálculos de traxectoria, programación dos ordenadores e mesmo a alimentación dos astronautas que viaxaron ao espazo no Apolo XI. Entre os nomes incluídos están os de Annie Eeasley, Jeanne Lee Crews, Mary Sherman, Galina Balashova e Christine Darden. "Neste proxecto preténdese achegar ao alumnado, e en xeral á sociedade, o traballo das mulleres que permitiron que o ser humano viaxase ao espazo. Para iso imos tentar sacar á luz o traballo daquelas mulleres que, aínda que quizais non dunha forma tan visible como o astronauta Neil Armstrong, si foron claves no éxito da misión do Apolo XI e do resto de misións espaciais. Así coñeceremos a enxeñeiras, físicas, fisiólogas, astronautas, enxeñeiras informáticas...", indican desde a súa organización.

"Con este proxecto pretendemos axudar a rachar cos estereotipos sexistas que aínda hai na nosa sociedade e contribuír a aumentar a representación feminina no ámbito CTEM, o que será beneficioso para as mulleres, xa que aumenta as súas oportunidades de traballo e de participación nos avances e as decisións do futuro tecnolóxico, e beneficia tamén a nosa sociedade, porque a diversidade fomenta a innovación", sinalan as promotoras do proxecto. A exposición, que conta tamén co apoio da Unidade de Igualdade da UVigo, permanecerá exposta no Centro Cultural Marcos Valcárcel ata o 5 de novembro, para despois iniciar o seu periplo itinerante polos centros educativos da provincia, atendendo todas as solicitudes que se rexistren a través do sitio web exxperimentaenfeminino.uvigo.gal
Universidade de Vigo