Skip to main content

O cinema, 'un océano no que hai que mergullarse'

Centrada no chamado cinema experimental ou de vangarda, esta conversa buscaba pór o foco na idea dun cine, explicaron, “non sometido aos canons de produción, de forma, de resultado ou mesmo narrativos”, senón definido pola “liberdade” e polas posibilidades aínda por explorar deste medio. “Nós dicimos que o cinema é un océano no que hai que mergullarse”, salientou Rueda nun coloquio presentado pola profesora e cineasta Xisela Franco, no que estes dous artistas, que integran o laboratorio de creación AA++, deron conta tamén da súa experiencia á fronte do Festival S8. De feito, a actividade organizada polo Departamento de Pintura serviu para anunciar a nova sección, Paraíso, que o festival estreará en 2022 e que estará dedicada as “inquedanzas, experiencias e traballos” do alumnado desta e doutras facultades de Belas Artes.

Como “artistas, activistas, cineastas, investigadores, programadores e gardiáns do cinema experimental e de vangarda” presentou Franco aos protagonistas deste coloquio, que, alén das súas traxectorias artísticas persoais, deron forma ao colectivo AA++, “un laboratorio de creación” vinculado á idea do “cinema expandido, do cine máis aló da pantalla tradicional”. De feito, o coloquio, que se completou coa proxección de diferentes pezas, partiu da propia experiencia destes dous cineastas para logo deterse no que Rueda definiu como “unha extensión máis da nosa vertente artística”, a creación do Festival S8. Buscábase, sinalou, “xerar un espazo inexistente, no que se puidera entrar en contacto cunha tradición que había dentro do cinema e da que aquí estabamos un pouco orfos”.

O cine é cine

Partindo desa idea de liberdade, o coloquio buscou pór o foco nas posibilidades dunha “arte moi nova, que irá evolucionando cara milleiros de formas”, como salientou Domínguez. De feito, os responsables do Festival S8 buscaron tamén “desmitificar dalgunha maneira o concepto de cinema experimental”, xa que, do mesmo xeito “que a literatura é literatura e a escultura é escultura, o cine ten tamén moitas formas, espazos e contextos”. Nese senso, Rueda puxo de relevo que, máis aló das “cuestións dunha industria e dunha rendibilidade”, este medio “segue sendo unha maneira de comunicarse”, que non se limita á figura do cineasta, senón "que se enriqueceu como tal grazas ás artes plásticas” e as súas conexións con outras disciplinas. Así, outro dos propósitos desta actividade, titulada Amor, liberdade e creación no cine experimental, foi “revisitar” unha serie de peza que, sinalaron, non se circunscriben “a ter que facer a unha película, senón que incorporan o cinema a unha expresión, a unha obra”.

Punto de encontro co alumnado

Presentado como un “espazo de encontro e de xeración de comunidade”, o S8 é un festival sen sección competitiva que, con esa filosofía, incorporará o vindeiro ano unha nova sección, Paraíso, “que vai ser un espazo de liberdade total” no que o estudantado de Belas Artes poida compartir experiencias e traballos. Esta proposta buscar dar continuidade á “experiencia piloto” vivida o pasado mes de xuño na décimo segunda edición deste festival, coa sección Quen son? Auto-etnografías fílmicas de artista, na que se presentaron os filmes realizados por seis alumnas da facultade. Esta iniciativa, que se complementou cun coloquio entre as estudantes do campus pontevedrés e alumnado da Facultade de Belas Artes de Cuenca, terá agora como continuidade esta nova sección dirixida a “xerar un encontro entre estudantes de distintas facultades”, apuntou Rueda.
Universidade de Vigo