Skip to main content

O workshop 'Hackeando o patriarcado' centrará a súa terceira edición na intelixencia artificial fronte aos machismos

Baixo o lema Intelixencia artificial feminista fronte aos algoritmos machistas, o workshop pretende cuestionar o papel que están a desempeñar as tecnoloxías na lexitimación das fendas e nesgos de xénero, así como atender a información relevante proporcionada polo ecofeminismo ou tecnofeminismo. O programa comprende diversas intervencións e mesas redondas nas que participarán mulleres referentes no eido da intelixencia articial, aprendizaxe automática e visión artificial.

O workshop celebrarase en formato semipresencial, con sede na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e retransmisión en liña.

Maior protagonismo da intelixencia artificial feminista

Dende a organización explican que a ofensiva do neoliberalismo, aliado do patriarcado, en particular contra as mulleres, e a situación de involución ideolóxica cara a posicións de ultradereita, está a propiciar un aumento das fendas de xénero en todos os eidos. A isto hai que sumar o retroceso nos dereitos adquiridos e a ameaza sobre a natureza e as poboacións máis vulnerables. É por iso que consideran preciso reflectir o papel dos feminismos nunha nova era, na que a intelixencia artificial (IA) está adquirindo, cada vez máis, unha grande importancia no deseño do mundo en todas as ordes. Neste sentido, o workshop tratará de axudar a que a intelixencia artificial feminista adquira maior protagonismo e sexa unha ferramenta fundamental para garantir un novo mundo máis igualitario, xusto e humano.

Programa e inscrición

O seminario desenvolverase en horario de mañá e tarde. Tras a apertura, ás 10.00 horas, a cargo de Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, e Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, será a quenda de Karina Gibert, directora do centro de investigación Intelligent Data Science and Artificisl Intelligence (IDEAI- UPC), que reflexionará na súa intervención sobre a intelixencia artificial, a igualdade e a perspectiva de xénero. Ás 11.00 horas será Lorena Fernández, directora de comunicación dixital da Universidade de Deusto e membro do grupo experto da Comisión Europea Gendered Innovations, quen presentará un relatorio titulado Soñan os androides con ovellas machistas?. Tras un descanso, Nerea Luis, enxeñeira en Intelixencia Artificial en Sngular e unha das 100 mulleres líderes en España, intervirá para falar sobre intelixencia artificial, transparencia e explicabilidade para promover modelos intelixentes feministas. A xornada pecharase cunha mesa redonda na que participarán Ona de Donestech, activista dos dereitos humanos en internet; e Paola Pozzi, coach profesional certificada por ASESCO, que abordarán as infraestruturas patricarcais de GAFAM e o ciberacoso como forma de violencia contra as mulleres, respectivamente. A directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez, e a deputada de Cultura e Igualdade, María Victoria Alonzo, serán as encargadas de presentar as conclusións e clausurar a sesión da mañá.

Xa pola tarde, terá lugar un Wikigap, impartido por Adrián Estévez, editor da Galipedia e socio de Wikimedia España e Portugal, que ensinará como lograr unha Wikipedia comprometida coa igualdade, mediante a visibilización do traballo das mulleres.

Inscricións

As persoas que queiran asistir presencialmente ao workshop na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, deberán confirmar previamente asistencia, de igual xeito que hai matricularse no obradoiro da tarde. O seminario poderá seguirse virtualmente a través da canle 3 de UVigoTV.
Universidade de Vigo