Skip to main content

Victoria Lareu, Premio María Josefa Wonenburger para mulleres científicas

Esta médica formouse na USC e en centros estranxeiros de prestixio en materia de medicina forense como o Instituto de Medicina Legal de Coímbra en Portugal, ou nos centros Haematology Departmen London, Hospital Medical College de Londres e no Forensic Science Service de Birmingham.

Na actualidade, Lareu compaxina o traballo de laboratorio dentro do Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro coa actividade docente na Facultade de Medicina e Odontoloxía. Este servizo recibiu encargos, entre outros moitos, para axudar á identificación das vítimas dos atentados do 11-S e do 11-M, análise de restos históricos de Atapuerca ou da Guerra Civil, do tsunami do Océano Índico, ou das nenas asasinadas en Alcasser.

Lareu é especialista no campo da xenética forense, onde participou no deseño de ferramentas básicas en pericia de xenética forense hoxe de uso mundial. Na actualidade a súa actividade diríxese principalmente a campos pioneiros da investigación forense como a aplicación de tecnoloxías de secuenciación masiva de nova xeración ou o estudo de aplicación da marca epixenética do xenoma humano. A galardoada colabora ademais na análise de mostras biolóxicas en casos de criminalística, o que lle permitiu percibir a cruz con distintivo branco da Orde de Mérito da Garda Civil.

Pioneiras

O premio María Josefa Wonenburger distingue a aquelas mulleres galegas con traxectorias notables nos eidos das ciencias e da tecnoloxía e trata de facer chegar á sociedade as contribucións feitas por elas e que sirvan de exemplo a xeracións vindeiras. Este galardón outórgase anualmente dende o ano 2007 a través da Unidade de Muller e Ciencia e ao longo da súa traxectoria recoñeceu as figuras de Amparo Alonso Betanzos (2020), Mabel Loza García (2019), Alicia Estévez Toranzo (2018), Begoña Vila Costas (2017), Peregrina Quintela Estévez (2016), Isabel Aguirre de Úrcola (2015), Carmen García Mateo (2014), María José Alonso (2013), María Tarsy Carballas Fernández (2012), Ofelia Rey Castelao (2011), Carmen Navarro Fernández-Balbuena (2010), María S. Soengas González (2009), María Teresa Miras Portugal (2008) e Inmaculada Paz Andrade (2007).

O premio leva o nome da investigadora e matemática galega María Josefa Wonenburger, unha autentica pioneira e referente feminino internacional no ámbito das ciencias e que foi unha científica adiantada ao seu tempo.
Universidade de Santiago de Compostela