Skip to main content

O proxecto MicroMundo@Uvigo volve un curso máis para implicar a escolares na busca de novos antibióticos

MicroMundo é un proxecto internacional que pretende transmitir á sociedade as bases científicas do problema da resistencia aos antibióticos e tomar acción involucrando a estudantes e sociedade en liñas de investigación orientadas a solucionalo. O seu nodo na Universidade de Vigo está formado por persoal docente e investigador do Grupo de Innovación Docente Mundo Microbio, da Área de Microbioloxía. A iniciativa, na que a institución académica participa desde 2017 cun equipo coordinado desde a Facultade de Ciencias pola profesora María José Pérez, consiste en involucrar a alumnado preuniversitario nun proxecto de investigación real no que participan máis de 14 países e microbiólogas e microbiólogos de 26 universidades de España e Portugal. No caso da UVigo, a actividade está apoiada pola convocatoria de Proxectos de Innovación Educativa en Aprendizaxe-Servizo (ApS), impulsada pola Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación coa colaboración da Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado.

Para presentar esta edición do proxecto e continuar divulgando a problemática sobre a que traballa, a Facultade de Ciencias acolleu este martes pola tarde a celebración da III Xornada de concienciación sobre o uso dos antibióticos. Esta actividade enmarcouse na conmemoración da Semana Mundial de Concienciación sobre o Uso dos Antibióticos e nela as e os asistentes puideron seguir en directo unha mesa redonda organizada pola Sociedade Española de Microbioloxía e o Museo Nacional de Ciencias Naturais sobre a problemática do uso inadecuado dos antibióticos. “Volvemos un curso académico máis, abalados pola experiencia tan boa de cursos pasados e cos mesmos obxectivos de concienciar e divulgar a problemática da resistencia aos antibióticos ao mesmo tempo que incentivamos novas vocacións científicas nos niveis académicos preuniversitarios”, comenta María José Pérez.

Cinco sesións

As actividades de MicroMundo@UVigo realízanse cada ano nos laboratorios dos centros educativos elixidos titorizadas por estudantes da Universidade de Vigo voluntarios e previamente formados que exercen de docentes. Ao longo das sesións, rapazas e rapaces póñense na pel de investigadores e investigadoras en busca de novos antibióticos, realizando en pequenos grupos desde o procesamento de mostras ata a detección e illamento de bacterias. “Queremos que os rapaces e rapazas vaian descubrindo o que é a investigación e se é posible tamén unha nova substancia con actividade antibiótica que poida resolver algún problema”, sinala a coordinadora da iniciativa.

Este curso académico o centro elixido para participar é o IES O Couto, que repite de anteriores edicións. Concretamente participarán case unha trintena de estudantes de cuarto curso de Educación Secundaria Obrigatoria. Tamén xa está elixido e en proceso de formación o grupo de seis estudantes dos graos de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Ciencias Ambientais da Facultade de Ciencias que actuarán como docentes na actividade, entre eles dúas estudantes que realizan os seus traballos fin de grao en temáticas relacionadas co proxecto. “Sempre temos unha acollida moi positiva. Hai máis xente e máis centros interesados en participar pero non temos capacidade para máis”, comenta María José Pérez.

As sesións no centro educativo está previsto que comecen en xaneiro. Serán en total cinco sesións de dúas horas de duración cada unha delas, que terán unha pequena parte teórica e que consistirán fundamentalmente en traballo experimental de laboratorio. Nas sesións, explica María José Pérez, abordaranse contidos científicos, principalmente de microbioloxía, como por exemplo a toma e a análise de mostras de bacterias do solo e a busca concreta de substancias de antibiose entre as distintas bacterias. “Os nosos estudantes universitarios ensinan aos rapaces como teñen que facer a busca de bacterias produtoras de antibióticos pero son os propios rapaces os que a van a facer, coas garantías e condicións precisas. Posteriormente, nos laboratorios da Universidade, os estudantes da facultade procesarán as mostras e farán as análises finais”, apunta a coordinadora de MicroMundo@UVigo.
Universidade de Vigo