Skip to main content

Unhas xornadas propoñen reflexionar sobre as violencias a partir das artes escénicas

Promovidas pola Vicerreitoría do campus e a Concellaría de Promoción Económica e Universidades no marco dun convenio de colaboración, estas xornadas desenvolveranse na Casa das Campás entre o mércores 1 e o venres 3 de decembro e acollerán “tres propostas escénicas diferentes con marcado carácter feminino e un fío condutor: a violencia levada á escena”, como sinalan desde a organización.

De feito, tras as representacións que protagonizarán Esther F. Carrodeguas, Grial Montes e Marta Pérez terá lugar un coloquio centrado nas problemáticas abordadas en cada unha das accións, pero tamén en como son abordadas nas pezas e no propio proceso de creación das obras. “Tomando como punto de referencia problemáticas e conflitos actuais, consideramos que as canles artísticas poden ofrecernos unha visión máis poderosa en canto a súa capacidade de sedución e que incluso poden convidar a unha reflexión máis profunda”, sinala a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo, dun ciclo que busca achegar, a través da arte, “outro xeito de mirar cara temas sobre os que é preciso reflexionar e ofrecer propostas de solución”. De feito, a primeira edición deste iniciativa terá como eixo as violencias e nomeadamente a violencia machista, coincidindo “cunha data reivindicativa de referencia” como é o 25N, lembra Agrelo. Con entrada libre ata completar aforo, as tres sesións desenvolveranse na sede da Vicerreitoría ás 20.00 horas, combinando todas elas a representación cun coloquio sobre a creación da peza “con diferentes axentes creadores das propias propostas”.

Da violencia machista á realidade das empregadas do fogar

As xornadas botarán a andar o vindeiro mércores 1 de decembro coa peza Malcriada, de Esther F. Carrodeguas, que pon o foco na realidade das empregadas do fogar. Acompañada ao piano por Velpister, a autora levará a escena en forma de recital un texto poético que, sinala, “vai construíndo un mosaico de relacións que nos permite albiscar a vida das empregadas do fogar”. Tras a súa performance, Carrodeguas protagonizará un coloquio no que estará acompañada por integrantes da Asociación Xiara de Empregadas do Fogar, “grazas á cal naceu o texto e a proposta escénica”.

Ao día seguinte, a actriz Grial Montes interpretará un fragmento do monólogo Cariño, da compañía Vaiembora, que se presenta como “unha viaxe para cuestionar os referentes actuais do amor romántico, os celos e a posesión no marco dunha parella adolescente”. Esta peza ten como punto de partida un relato incluído na última edición do libro Invisibles, da xornalista e escritora Montse Fajardo, quen acompañará a Montes e ao director da peza, Diego Chamizo, no coloquio que completará a sesión.

Por último, o ciclo pecharase o venres 3 coa “performance-conferencia” Sofía, da actriz Marta Pérez, que estará acompañada polas creacións audiovisuais e sonoras de Laura Iturralde e Jesús Andrés Tejada. Esta peza nace da montaxe Sofía e as Postsocráticas da compañía Inversa Teatro e, como explican desde a organización, “aborda a necesidade de buscar un novo xeito de reflexionar ante a problemática da violencia machista e a súa estrutura: o silencio, a negación e o efecto espectador”.

Vontade de continuidade

“Todo aquilo que non se ve, non se aborda, e todo aquilo que non se sente, non se buscan canles para poder superalo”, sinala Agrelo con respecto ás motivacións dun ciclo que, sinala, “gustaríanos que tivese certa continuidade”. O obxectivo, explica, é que tanto a violencia machista como “outros temas de preocupación ou conflito” poidan ser o eixo das futuras edicións destas Xornadas de Creación e Pensamento.

Universidade de Vigo