Skip to main content

O Sergas é o segundo sistema de saúde mellor valorado en todo o Estado en materia de diálogo social

O Diario Médico, que é o xornal de maior difusión no ámbito sanitario, publicou unha enquisa feita ás forzas sindicais máis representativas do sector na que se analiza o diálogo social no Sistema Nacional de Saúde. Nesa información, a que fixo referencia hoxe no pleno do Parlamento de Galicia o conselleiro de Sanidade, José Manuel González Álvarez, en resposta a unha pregunta do grupo parlamentario socialista sobre unha situación de conflictividade laboral dos traballadores administrativos do Sergas, se conclúe que o Servizo Galego de Saúde é o segundo mellor valorado de todo o Estado, en materia de diálogo social, polos sindicatos.

Respecto da folga de fame realizada recentemente na cidade de A Coruña por catro traballadores do sindicato profesional da función administrativa do Sergas, o conselleiro dixo que esta medida nin siquera tivera o apoio dos compañeiros dos folguistas nin das organizacións sindicais (a propia xunta de área de A Coruña nun escrito dirixido a estes profesionais non só non lles mostrou o seu apoio senón que solicitoulles que elevaran as súas propostas no seo da mesa sectorial que é o órgano que legalmente ten atribuída a representación dos traballadores).

Tamén dixo o responsable sanitario galego hoxe no Parlamento que a petición dos folguistas era inaudita e inasumible -non se dá en ningún servizo de saúde dixo- posto que a súa principal reclamación era conseguir transformarse en funcionarios da Xunta de Galicia, o que, segundo González Álvarez suporía quebrar a unidade de xestión dos profesionais das institucións sanitarias e fomentar que as persoas que traballan no mesmo servizo e nas mesmas unidades teñan réximes xurídicos diferentes. Isto orixinaría, dixo o conselleiro, problemas e dificultades á hora de organizar as quendas de vacacións, as quendas rotatorias, a xornada e todo isto con graves prexuizos para os cidadáns e os pacientes. Outras reclamacións feitas polos folguistas xa estaban recollidas con anterioridade á folga polo departamento que dirixe González Álvarez no Proxecto de Decreto de Selección e Provisión de Prazas do Persoal Estatutario que a Administración Sanitaria galega abordou no Seo da Mesa Sectorial o pasado día 29 de marzo. Esta nova normativa regulará as oposicións e os procesos de selección que se produzan no Sergas. Xunto con isto, no Decreto establécese lexislativamente a mobilidade dos profesionais non sanitarios de cara á función pública e se fixan as bases para a promoción profesional. Outros aspectos destacados son que inclúe a consolidación de grao e se incorpora un plan de ordenación de recursos humanos como instrumento de planificación global dos recursos e persoal.

Na intervención o conselleiro relatou, para dar conta da ausencia de conflictividade laboral no Sergas, os numerosos acordos aos que está chegando a Administración sanitaria galega coas forzas sindicais. Entre estes acordos o conselleiro citou a mellora das condicións de traballo do ano 2001, o acordo da mellora retributiva do 2003, o II Convenio Colectivo das Fundacións ou o acordo polo que se aprobou o réxime transitorio de acceso á carreira profesional.
Gabinete de Comunicación do Sergas (Xunta de Galicia)