Skip to main content

Máis dun centenar de asistentes participarán no XVI Congreso Español de Dereito Deportivo que se celebrará na Universidade da Coruña

Esta edición, segundo explicaron esta mañá os organizadores na rolda de prensa celebrada na Reitoría, está dedicada a analizar o marco legal e os retos da xestión deportiva, un tema que une dúas áreas de coñecemento cun panel de conferenciantes do máximo nivel de España, como resaltou Eduardo Blanco, codirector do congreso. Blanco engadiu que “a UDC foi pioneira en tratar o dereito deportivo coa organización de diversos congresos sobre este tema”.

Para o reitor da UDC, Julio Abalde, a temática elixida non podía ser máis “pertinente” pois coa pandemia de Covid-19 houbo que cambiar a xestión das actividades deportivas. Na Universidade, explicou Abalde, “tivemos que ir cambiando os protocolos, de acordo coas recomendacións sanitarias, para poder garantir a práctica deportiva nas nosas instalacións”. Por iso, continuou “estaremos moi atentos aos novos modelos de xestión que se debatan neste congreso”.

Tamén a concelleira de Deportes da Coruña, Mónica Martínez, valorou a elección da temática do congreso deportivo. Martínez considerou como “moi importante” este evento deportivo.

Ao acto de presentación do congreso acudiron tamén o presidente da Asociación Española de Dereito Deportivo, Miguel Vaquero, o xerente da Fundación “Deporte Galego”, Iván Clavel, e o presidente da Asociación Galega de Dereito Deportivo, Jacobo Vázquez. Os tres directivos felicitaron a Agaxede pola oportunidade da temática elixida toda vez que se atisban cambios lexislativos.

Programa:
https://www.agaxede.org/gl/evento/1932/xvi-congreso-espanol-de-derecho-deportivo-2020/
Universidade da Coruña