Skip to main content

Grupos de neandertais aínda vivían na montaña galega cando os humanos xa habitaban a costa cantábrica

Un estudo publicado na revista do Museo Nacional de Historia Natural de Francia, Comptes Rendus Palevol, sobre Cova Eirós axuda a comprender o proceso da transición entre os últimos grupos de neandertais e os primeiros humanos modernos (Homo sapiens) que habitaron o noroeste ibérico. As investigacións arqueolóxicas foron executadas por membros do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste-Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da USC en colaboración co Institut Català de Paleoecología Humana i Evolució Social e a Universidade Rovira i Virgili de Tarragona, baixo un convenio coa Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia e o Proxecto do Plan Nacional de Investigación do Ministerio de Ciencia.

A localización de Cova Eirós na localidade lucense de Triacastela, entre o extremo máis occidental da cornixa cantábrica e a fachada atlántica peninsular, convértea nun importante enclave para entender a expansión das primeiras comunidades de Homo sapiens na Península ibérica e a progresiva extinción dos neandertais. A secuencia de Cova Eirós contén varios niveis que se enmarcan no momento de transición entre os últimos neandertais que poboaron o norte peninsular e a chegada dos primeiros humanos modernos.

As datacións radiocarbónicas do nivel do Paleolítico medio (Nivel 3) apuntan a unha supervivencia tardía, hai uns 40-41.000 anos, dos grupos de neandertais nas montañas do interior galego con respecto aos últimos grupos do Cantábrico. Mentres a cornixa cantábrica xa estaba colonizada polos humanos modernos, nas montañas galegas aínda quedaban poboacións residuais de neandertais. As datacións do nivel de Paleolítico superior (Nivel 2), hai uns 36.000 anos, apuntan a unha chegada á rexión relativamente rápida dos Homo sapiens, con respecto a outras rexións do centro e sur peninsular. “Este feito podería indicar unha relativa estabilización das poboacións de Homo sapiens que se manteñen no litoral e vales cantábricos durante uns poucos milenios, antes de estenderse fóra da conca cantábrica en momentos de lixeira mellora climática”, explican os investigadores.

Actividades cinexéticas

As escavacións dos niveis do Paleolítico medio (nivel 3) e Paleolítico superior (nivel 2) permitiron caracterizar os restos materiais asociados e tipo de ocupación que tivo lugar na entrada da cavidade. Ambas as especies ocuparon a entrada de Cova Eirós durante estancias breves e reiteradas no tempo, ligadas a actividades cinexéticas como a caza e procesado de cervos, rebezos, corzos e xabarís, baixo unhas condicións ambientais bastante similares. “Pero tamén se observan diferenzas entre ambas as especies humanas en canto ás estratexias de abastecemento das materiais primas para fabricar as ferramentas, a súa tecnoloxía e as estratexias de caza”, explican dende o equipo investigador. Por outra banda, cando a cavidade non estaba ocupada polos humanos, esta era utilizada como lugar de hibernación e cría polos osos das cavernas, e como cubil para carnívoros como as hienas ou os leóns das cavernas.
Universidade de Santiago de Compostela