Skip to main content

A exposición Exxperimenta en Feminino chega este cuadrimestre a sete institutos galegos

A exposición arrancou na segunda quincena de setembro no IES Cidade de Antioquia de Xinzo de Limia (Ourense) e está previsto que este cuadrimestre, ata o inicio de 2022, pase polos institutos de educación secundaria Aquis Querquernis de Bande (Ourense); Julio Prieto Nespereira (Ourense); Nº 1 de A Estrada (Pontevedra); O Couto (Ourense); Eduardo Pondal de Ponteceso (A Coruña), e Vilamarín (Ourense). En cada un destes centros permanece 15 días. O vindeiro ano a mostra continuará ata xuño o seu percorrido, estando previsto que, en total, durante o curso 2021/2022 chegue a 17 centros educativos galegos.

Trátase dunha iniciativa que conta co patrocino da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt), do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e que ten como obxectivo último espertar en rapazas e rapaces a vocación científica suplindo a carencia de referentes femininos no campo STEM. A iniciativa arrancou hai dous cursos académicos, aínda que a pandemia impediu o seu desenvolvemento con normalidade ata o pasado ano, e desde a súa organización salientan a súa satisfacción pola boa acollida que ten. Deste xeito, desde Exxperimenta en Feminino agradecen aos centros e docentes implicados esta boa acollida e o feito de que en numerosos casos teñen organizado arredor da mostra actividades vinculadas cos seus contidos, como concursos, xogos, programas de radio ou visitas guiadas, o que contribúe á consecución do seus obxectivos divulgativos.

De Mileva Maric a Teresa Toral

A mostra está formada por 14 pósters de gran tamaño sobre mulleres cun destacado papel no eido STEM. De cada protagonista, a exposición recolle información da súa traxectoria, de cales foron as súas achegas e dos premios ou recoñecementos que recibiu tanto en vida como posteriormente. A selección de mulleres da exposición abarca desde a investigación básica á aplicada, desde o ámbito galego ao internacional e desde a física á informática. Así, a través dos paneis expostos, o público pode coñecer desde a primeira muller galega (e española) en presentar unha tese no campo da astronomía ata a muller que deu o seu nome á linguaxe de programación ADA. Concretamente, a exposición ofrece información da física Mileva Maric; da física e pioneira na apicultura Eva Crane; da programadora Ada Lovelace; da astrónoma Antonia Ferrín; da bioquímica Margarita Salas; da química e nutricionista Elsie Widdowson; da enxeñeira química Frances Arnold; da enfermeira Isabel Zendal; da microbióloga Esther Lederberg; da psicóloga e bióloga Linda B. Buck; da química industrial e farmacéutica María José Núñez; da farmacéutica e química Tarsy Carballas; da tecnóloga dos alimentos Concepción Llaguno e da química e farmacéutica Teresa Toral. Trátase, apuntan desde a organización, de “mulleres que, co seu traballo contribuíron a lograr melloras científicas ou técnicas moi relevantes para o mundo de hoxe e que foron escollidas como referentes ou modelos polas máis de 100 profesoras que participan en Exxperimenta en Feminino”.

Como alternativa para as persoas que desexan ver os materiais pero non poden facelo de xeito presencial, o colectivo organizador tamén ten realizado unha versión virtual da exposición. Trátase de 14 vídeos curtos nos que investigadoras e profesoras de catro centros do campus de Ourense explican de xeito divulgativo a traxectoria e relevancia das 14 mulleres referentes no campo da ciencia, a tecnoloxía e as enxeñarías que forman parte da exposición Exxperimenta en Feminino. Igualmente, na páxina web do proxecto pódense ver os paneis que conforman a mostra.
Universidade de Vigo