Skip to main content

O recorte das posibilidades de pesca dalgunhas especies pon en risco arredor de 400 empregos en Galicia

O documento revela que os recortes propostos polos científicos e pola Comisión Europea para a pescada, o xurelo e o peixe sapo producirían unha caída na facturación da frota galega de case 34 millóns de euros só en 2022, unha cifra que subiría ata máis de 70 millóns no acumulado dende o ano 2019.

Estas achegas foron presentadas pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios preparatorio do Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea que comeza o domingo e no que se negociarán os Totais Admisibles de Capturas (TAC) e cotas en augas comunitarias para 2022. Ademais, o Goberno galego entregou ao andaluz —que ostenta a representación das comunidades autónomas no próximo Consello de Ministros— este mesmo documento para que o sume ao traballo conxunto realizado co Goberno central na defensa dos intereses do sector diante da Comisión Europea.

O informe mostra que o maior impacto correspóndese coa frota dedicada á captura de pescada, que vería como a súa facturación caería en máis de 23 millóns de euros en 2022 coa actual proposta de posibilidades de pesca. Cos recortes en anos anteriores, as perdas de ingresos dende 2019 ascenderían a preto de 60 millóns de euros e a destrución de emprego roldaría os 500 postos de traballo, dos que máis de 200 serían o próximo ano. Ademais, as frotas máis especializadas e selectivas correspóndense coas máis vulnerables a estas baixadas nas cotas, pois teñen unha maior dependencia dos recursos que capturan. No caso da pescada, as máis afectadas serían as de palangre e os volanteiros do Cantábrico Noroeste mentres que os portos máis prexudicados serían os de Celeiro e Burela, onde o 71% e o 42% respectivamente das súas descargas se corresponden con esta especie.

Xurelo e peixe sapo

No caso do xurelo, a proposta de TAC e cotas para 2022 reduciría os ingresos da frota que captura esta especie en case 8 millóns de euros respecto a 2021 e en 7,3 millóns en relación con 2019 —pois houbo anos con incrementos de cotas— mentres que os empregos destruídos ascenderían a 126 só no próximo exercicio e 112 no acumulado dende 2019. En canto á frota máis afectada, sería a de cerco, con maior impacto nos portos de Portosín, Malpica e Camariñas, onde o xurelo concentra máis do 60% das vendas.

A proposta para o peixe sapo implicaría un descenso na facturación da frota que captura esta especie de 2,6 millóns de euros en 2022, unha cifra que sobe ata os 3,5 millóns se se teñen en conta os recortes nas posibilidades de pesca aplicados desde 2019. En materia de emprego ese impacto sería de medio cento de postos de traballo só o próximo ano e de máis dun cento no acumulado. No referente aos segmentos de frota e aos portos máis afectados, os prexuízos estarían moi concentrados na frota arrastreira de Vigo pois esta especie achega máis do 23% das súas descargas e o 36% da súa facturación.
Universidade de Santiago de Compostela