Skip to main content

Xosé Alfredo Naz Fernández recibiu o premio como gañador do VI Concurso Balbino de Relatos

No acto, Xosé Alfredo explicou aos asistentes como se xerminou esta obra, resultado dos recordos de cativo nas visitas aos avós, nunha aldea do Concello de Pantón, na Ribeira Sacra, nos que os contos da tradición oral eran o nexo para as sobremesas nos tempos en que a televisión ou a radio apenas ocupaban espazo e todo se centraba nos faladoiros. De aí que: as fontes das que viven os relatos son mestura de realidade e ficción, pero sobre todo de contos escoitados... moitos invencións e outros terxiversados pero que forman parte dese maxín, un imaxinario que foi sementando e que dá sentido a esa cultura inmaterial, historias pasadas de pais a fillos, ese universo telúrico que destacou o xurado e que, aínda que dende un aspecto diferente, responde ao fin último deste Concurso Balbino de Relatos, encumbrar o valor do rural galego.

Pola súa banda, Fernando Redondo, presidente da Fundación Neira Vilas destacou o valor deste certame na difusión da nosa cultura, dar cabida tanto a autores consagrados como anónimos que, cos seus relatos colaboran na difusión da esencia dese Balbino de “Memorias dun neno labrego”, esa posta en valor do noso rural que tanto defendeu Xosé Neira Vilas, ese rural do que todos, dun xeito ou outro bebemos, ben sexa a través dos contos dos nosos avós, das historias dos nosos pais ou a rememoración da nosa infancia. Unha defensa do rural que, da man do Concurso Balbino de Relatos, e grazas á aposta de Edicións Fervenza, continúa presente e viva.

Como representante do xurado, Xosé Manuel Lobato, fixo fincapé neses aspectos da obra que decidiron a súa elección, como a definición duns personaxes reflexo da paisanaxe galega e o nexo común da figura do afiador como metáfora da conciencia individual, todo relatado cunha estrutura narrativa consistente que traslada ao lector a esa desesperación sufrida polos personaxes na que a balanza da xustiza non ten o equilibrio que debería... cal sería a nosa elección se nos acontecesen os devires que se narran? O ollo por ollo sería xusto?

A última intervinte foi Marta Lucio, directora do Museo do Mar de Galicia que se congratulou da elección destas instalacións para a presentación, xa que dende a súa dirección, “mantemos unha forte aposta pola cultura galega, e que mellor que mostrar a nosa colaboración Edicións Fervenza na difusión e promoción das nosas letras, máis cando se trata dun certame, o Concurso Balbino de Relatos, que nos leva ao célebre Xosé Neira Vilas e ao seu emblemático personaxe, Balbino”.

Gumes entre a néboa, de Xosé Alfredo Naz Fernández, é a sexta obra gañadora do Concurso Balbino de Relatos, á que preceden, por orde cronolóxica, Camiños na sombra, de Xián Lois Alcayde Dans (2016); De que falarán as árbores, de Ricardo Cid Paz (2017); Máis alá do río do esquecemento, de Ricardo Ferreiro Almeda (2018); Banda Sonora Orixinal, de Pablo Nogueira Campo (2019); e Bica de Montouto, de Pepe Peinó (2020), todos publicados por Edicións Fervenza.
Concurso 'Balbino' de Relatos