Skip to main content

Bota a andar o Polo Biotecnolóxico de Galicia

“A existencia do Polo é unha realidade necesaria que favorecerá a posibilidade de sinerxías que dean pulo ao proceso de transferencia dende as ideas xurdidas nos laboratorios ata a seu desenvolvemento como proxectos empresariais ou industriais tanxibles”, destacou.

O vicerreitor apuntou que o Polo da Sionlla permite sinalar no mapa un punto de referencia preciso para todos os axentes implicados na definición do sector das biotecnoloxías: universidade, administración e empresas. “A este punto están chamados a concorrer empresas interesadas neste sector, pero tamén os grupos universitarios de investigación implicados na xeración de coñecemento neste ámbito ou empresas de base tecnolóxica que exploran novas posibilidades de mercado. Todo estes axentes comparten un nexo común: achegar á sociedade valor engadido de última xeración”, dixo. “Temos un compromiso real que agardamos que se vexa en breve plasmado nun protocolo, que facilite e poña en valor a instalacións de spin offs da USC alí onde se desenvolve a actividade produtiva da cidade e que agardamos que teña un novo pulo con este Polo. Por parte da USC poñeremos en valor os recursos e infraestruturas de I+D+i poñéndoos a disposición das empresas que comecen a súa actividade no Polo”, asegurou.

Alén de Vicente Pérez, tomaron parte na xuntanza o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET), José Fernández Alborés; o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez; e o representante do Comité Executivo da Cámara de Comercio de Santiago, Francisco Negreira del Río; así como representantes doutras entidades colaboradoras. Na reunión, presentouse a imaxe corporativa do Polo así como o proxecto construtivo do Centro de Servizos Innovadores para Empresas Biotecnolóxicas (CSIEB).

Laboratorios modulares

Os servizos ofertados polo CSIEB inclúen a utilización temporal de 18 laboratorios modulares para realizar actividades de I+D+i, en particular actividades de pre-produción, modelado, prototipado e análise de viabilidade da investigación realizada. Igualmente poderá acoller proxectos de empresas que xa superaran a fase de investigación/incubación e que entran na de pre-produción, así como a provisión de servizos auxiliares para o uso de equipamento compartido, complementado con outros de carácter transversal que proporcionará instalacións de uso común (despachos ou salas de reunións, entre outros). Será un edificio tecnolóxico e eficiente de 2.500 metros cadrados con espazo para entre 18 e 22 empresas.

O obxecto do proxecto é xerar un edificio que atenda ás demandas de flexibilidade e especialización que ten un uso destas características. Para logralo, seguíronse unha serie de criterios funcionais e propúxose un edificio modular con todos os usos principais situados nunha única planta. A partir do módulo base, un laboratorio de 63 metros cadrados de superficie, proponse a súa agrupación en unidades de maior tamaño que permita adaptar o edificio ás demandas dos futuros usuarios. Están previstas 18 unidades que se agruparán en catro corpos de cinco e catro laboratorios cada un, ordenados a ambos lados dun corredor central. Cada un destes módulos ten unha altura libre de 4,45 metros para facilitar a distribución no seu interior de todas as instalacións necesarias, permitindo que nun futuro se proceda a súa ampliación ou modificación.

No extremo nordeste do edificio localizarase o Laboratorio de Equipamento Compartido polas distintas empresas que se implanten no edificio. Na zona inmediata á área pública do edificio, situaranse as dúas oficinas previstas para ofrecer apoio de software ás empresas de investigación que se instalen no centro. Por último, na zona central haberá dúas salas, tamén de uso compartido, que albergarán a sala de cultivos celulares, a sala de centrífugas e a sala de auga destilada.
Universidade de Santiago de Compostela