Skip to main content

Catro días de programación para celebrar a maioría de idade da Moti

Na rolda de prensa de presentación desta edición, Ana María Torrado, directora de Área de Dinamización Cultural e Educativa e Integración do campus de Ourense, salientou que esta mostra é unha “actividade moi bonita e necesaria” ademais “dun orgullo para a nosa cidade”. Así, felicitou a Sarabela Teatro polo traballo que realiza cada ano na organización das tres mostras de teatro de Ourense (Moti, Miteu e Fito) e recalcou unha vez máis o compromiso da institución académica “co fomento da cultura como un elemento de desenvolvemento persoal e social”. Pola súa banda, Olga Mojón, directora do Teatro Principal, amosou o apoio unha vez máis da Deputación de Ourense a este certame e destacou a colaboración institucional que se dá para a súa celebración, apuntando que “temos que volver outra vez a potenciar que se vaian sumando, que se animen entidades que estaban nun momento presentes e que agora non están”.

Nesta 18 edición, a mostra conta co patrocinio e apoio da Vicerreitoría do Campus de Ourense da UVigo; a Deputación de Ourense e Teatro Principal, e Agadic (Xunta de Galicia) pero por primeira vez, lembran desde Sarabela Teatro, non patrocina nin colabora o Concello de Ourense. Neste senso, Fernando Dacosta, director da Moti, apuntou na presentación que “é curioso que Ourense teña estas tres mostras” (en referencia á Moti, Fito e Miteu) “cando o Concello de Ourense non apoia ningunha desas tres mostras”. Neste senso, lembrou a importancia de fomentar a cultura de base, apoiar o sector cultural nestes momentos de especial dificultade e o retorno que supón a celebración deste tipo de citas. En todo caso, dixo, “aínda que é unha Moti para as cativas e cativos e é unha Moti máis cativa, mantén a esencia da mostra, porque hai teatro de actriz e actor, hai concerto musical, hai maxia, hai clown e hai contacontos”.

Diversidade na programación

A programación da 18ª Mostra de Teatro Infantil de Ourense arrancará o luns 27 no Teatro Principal co espectáculo a partir de 6 anos Semente. O home que plantaba árbores, da compañía Emedous. Este mesmo día o campus de Ourense acollerá a representación no salón de actos do edificio Politécnico do concerto, para nenas e nenos a partir de 3 anos, de A Gramola Gominola As que máis molan da Gramola Gominola. O martes 28 no Teatro Principal representarase o espectáculo Nina Ninette, da compañía de danza Traspediante, encargada da aula de danza do campus de Ourense. Ese mesmo día, o campus de Ourense, neste caso o Edificio de Ferro, acollerá o espectáculo do Mago Teto Alquimia, para público a partir de 5 anos. A programación de 2021 desta edición da Moti rematará o día 29, coa representación no Teatro Principal do espectáculo Quixote, da compañía Pedras de Cartón, e no Edificio de Ferro do campus de O Tesouro, de Trécola Teatro.

A mostra volverá o día 2 de xaneiro coa estrea no Teatro Principal da obra Bruxa descoidada, bruxa chamuscada!, da Aula Universitaria de Teatro Infantil do Campus de Ourense Geppetto. Destinada a un público a partir de 4 anos, a peza é froito do traballo formativo que durante o primeiro cuadrimestre realizou esta aula nas instalacións universitarias. Con dirección, dramaturxia e espazo escénico de Fina Calleja, a obra céntrase na historia da Irmandade das Bruxas do Bosque de Terragrís, que “anda revolta diante das estrañas desaparicións que están acontecendo na comarca. Alguén ou algo está detrás deste misterio... De confirmarse os peores temores podería supor a extinción de todas as bruxas e, xa se sabe... Bruxa descoidada, bruxa chamuscada!”. Bruxarella, a máis intrépida integrante da Irmandade, non está disposta a deixarse atacar deste xeito e, xunto cos seus máis fieis amigos, emprenderá unha minuciosa investigación que lle deparará grandes sorpresas. Por último, a programación do certame inclúe accións teatrais promocionais de Lacotre Producións.

O aforo dos espectáculos estará limitado segundo as normas que rexan no momento da súa celebración e segundo as recomendacións de compañías e espazos. É obrigatorio o uso de máscara durante os espectáculos e non está permitido comer nas salas. As tarifas serán de catro euros no Teatro Principal e de tres na actuación de Geppetto e nas que se celebren no campus de Ourense, destinándose estas últimas á Operación Quilo.
Universidade de Vigo