Skip to main content

Resolta a VIII edición do Premio de Investigación en Economía de Galicia Valentín Paz Andrade

A modalidade 1 deste galardón premia os traballos de investigación que mellor contribúan ao coñecemento da realidade económica e social da comunidade e ao establecemento de políticas que melloren o benestar dos seus cidadáns. Na edición deste ano, premiouse o traballo ‘El impacto del Camino de Santiago a escala local: la percepción de los residentes de dos municipios gallegos’, do que son autores Diana Fernández, M. Fernández e D. Riveiro, profesores da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, e que está publicado na revista Cuadernos de Turismo. Deste traballo, o xurado destacou a relevancia e pertinencia da temática abordada, especialmente nun momento de controversia sobre a percepción dos diferentes impactos das actividades turísticas en xeral e, en particular, do Camiño de Santiago e a afluencia de peregrinos; considerando que “as conclusións do artigo, que son alcanzadas tras unha análise rigorosa, contribúen a un maior coñecemento para a toma de decisións sobre un recurso de tanta importancia para Galicia”.

Na Modalidade 2, centrada en teses de doutoramento, premiouse o estudo de Juan Torrelles Manent, titulado ‘Análisis de la eficiencia de los centros especiales de empleo en Galicia: visión económico-financiera y social’. A tese, defendida na USC, foi realizada no Programa de Doutoramento en Economía e Empresa e dirixida polos profesores da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC José Manuel Maside Sanfiz e Maria Celia López Penabad. O especial interese social do obxecto desta tese, xunto coa escaseza de estudos académicos sobre este tema, motivaron a selección por parte do xurado.

A modalidade 1 do certame está dotada de 2.000 euros, mentres que a tese premiada na segunda das modalidades recibirá 1.000 euros.
Universidade de Santiago de Compostela