Skip to main content

Os prezos mantéñense invariables en Galicia este ano, fronte a un incremento do 0'2% no conxunto de España

Galicia pechou o primeiro trimestre deste ano sen rexistrar variacións nos prezos, segundo reflicte o Índice de Prezos de Consumo (IPC), feito público hoxe polo Instituto Nacional de Estatística. Así, ao rematar o pasado mes de marzo, o IPC acumulado no que vai de ano non rexistrou crecemento algún, mentres que no conxunto do Estado medrou un 0,2%. Paralelamente, na Comunidade Autónoma, os prezos medraron un 0,8% respecto a febreiro, e un 3,4% nos últimos doces meses, porcentaxe idéntica, nos dous casos, á media estatal.

A análise do comportamento do IPC de marzo pasado en Galicia revela que os prezos do grupo de Medicina baixaron un 1% e as Comunicacións descenderon un 0,8%. Un crecemento inferior á media do mes tamén foi rexistrado en Galicia polos grupos de Bebidas alcohólicas e tabaco (cunha suba do 0,1%), Ensino (0,1%), Outros (0,2%), Enxoval (0,3%), Alimentos e bebidas non alcohólicas (0,4%), e Hoteis, cafés e restaurantes (0,5%). Os grupos de Vivenda e Ocio e Cultura subiron un 0,8%, Transporte aumentou un 1,3%, e Vestido e calzado presentou unha suba do 3,4%.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia