Skip to main content

O Festival Vertixe Sonora leva a música contemporánea fóra dos 'espazos convencionais'

Promovido por Vertixe Sonora coa colaboración, entre outros, da Facultade de Belas Artes e o Concello de Pontevedra, esta iniciativa preséntase como unha aposta por achegar a espazos como os centros de ensino e a diferentes colectivos unha “arte híbrida e participativa”, como sinalan desde a organización, da que forma parte o profesor da Facultade de Belas Artes Ignacio Barcia.

Este docente e artista é tamén un dos responsables da instalación artística Arte de Fuga, que ata o vindeiro martes pode contemplarse no IES Torrente Ballester. Xunto ao compositor Ramón Souto e o enxeñeiro industrial Juan Carlos Charro, Barcia integra o colectivo Nrvdr, responsable dunha instalación que “conecta sons ruidosos da natureza e da vida cotiá”, desde fugas de auga, ata cámaras de televixilancia, vídeos ASMR e unha obra de Bach e que é ademais resultados dun proxecto de innovación educativa realizado co estudantado do centro.

Esta instalación presentouse o pasado venres, xornada de inicio desta programación, que o pasado sábado levou á Facultade de Belas Artes á artista bielorrusa Tatiana Gerasimenok, responsable dun obradoiro dirixido tanto ao alumnado como a calquera persoa interesada. As e os participantes neste taller desenvolveron unha serie de accións que foron rexistradas en vídeo e audio e que pasarán a formar parte da obra 20.30 ozt desta artista, que combina a música, a performance e o audiovisual. Ao día seguinte, Henrique Fernandes e Jorge Quintela, da asociación Sonoscopia, presentaron na facultade a súa instalación interactiva Aquática, na que captúrase o son e proxéctase luz sobre un conxunto de líquidos e elementros electromecánicos e que permanece exposta nestes días no CEIP Froebel.

Tres concertos por diante

A programación de Vertixe 9. En paralelo continúa este domingo ás 11.00 horas, na illa das Esculturas, con Un ruído estrano e sagrado, un espectáculo para catro percusionistas que, como explica a organización, “propón unha achega matemática aos sons ruidosos da natureza”, como ondas, fervenzas, ventos ou glaciares que chocan contra o mar.

Ao día seguinte, a sala Nemonon acolle, ás 20.00 horas, un concerto de Overture, que se presenta como “un proxecto multidisciplinar onde imaxe, texto e corpo procuran os límites do discurso” e no que a través da combinación de “presenza, poesía e música electrónica se preguntan se é posible baleirar un texto”.

Por último, o martes 21 ás 20.15 horas, Buzz, colectivo integrado por Ramón Souto e Mateo Mena, presentan na Igrexa de San Francisco os resultados dun proxecto que realizaron en colaboración co Centro de Recursos Educativos da ONCE, co que previamente desenvolverán un obradoiro. Como explica Barcia, esta actuación, que leva por título Diálogo interior, ten como punto de partida o dispositivo electrónico que elaboraron para trasladar a sons o que as persoas con discapacidade visual escriben a través das máquinas de braille.

As tres propostas contan con entrada libre ata completar aforo.
Universidade de Vigo