Skip to main content

Jose Tubío, XI Premio Nacional de Investigación en Cancro Doutores Diz Pintado

O grupo Xenomas e enfermidade está especializado en identificar os procesos e mecanismos que causan as mutacións que necesitan as células canceríxenas para sobrevivir e crecer. O aspecto máis destacado da súa investigación son os estudos do ADN móbil, é dicir, o material xenético capaz de moverse a diferentes partes dun xenoma.

Durante os últimos seis anos, Jose Tubío dirixiu tamén un dos grupos de traballo integrados no proxecto Pan-Cancer Analysis of Whole Genomes. Este foi un dos proxectos máis ambiciosos do mundo no campo da xenómica do cancro, que está enmarcado no Consorcio Internacional do Xenoma do Cancro.

Á vangarda

Durante todos estes anos o profesor Tubío participou en avances como o achado de novos xenes implicados no desenvolvemento de determinadas leucemias e do condrosarcoma, un tipo de cancro pouco frecuente que adoita comezar nos ósos. Tamén identificou novos mecanismos de mutación en cancro, da dinámica das metástases, de mutacións de xenes en tecidos sans e o seu papel no proceso de transformación do tecido san ao tumoral, xenes que dirixen os cancros transmisibles, ou como determinados virus poden afectar á estabilidade do xenoma. Ademais, das súas 28 publicacións, 16 delas teñen un alto factor de impacto maior de vinte.

Mellor novo investigador español

Jose Tubío recibirá o galardón o 28 de xaneiro de 2022, no desenvolvemento do acto académico organizado pola Universidade de Salamanca con motivo da festa de Santo Tomás de Aquino. O Premio Nacional de Investigación en cancro ‘Doutores Diz Pintado’ premia o esforzo e a traxectoria científica na área da investigación oncolóxica do mellor novo investigador español, realizada dentro ou fóra de España, e que supuxese a xeración, desenvolvemento e/ou aplicación dos novos coñecementos biolóxicos e clínicos sobre o cancro. A Fundación de Investigación do Cancro da Universidade da Salamanca (FICUS) –Centro de Investigación do Cancro (CIC), xunto coa Fundación Doutores Diz Pintado para a Docencia e Investigación na Loita contra o Cancro, convoca cada ano este galardón en memoria dos doutores Manuel e Alfonso Diz Pintado.
Universidade de Santiago de Compostela