Skip to main content

A exposición 'Galicia futura' encara a súa derradeira semana por riba das 35.000 visitas

A mostra impulsada pola Xunta de Galicia, que aínda pode visitarse de balde todos os días desta semana con horario de 10,00 a 20,00 horas no primeiro andar do Museo, convida a un suxestivo percorrido que dialoga entre arte, ciencia, tecnoloxía e creatividade. A mostra tamén se achegará a outras cidades galegas ao longo de 2022, grazas a un programa de itinerancias (que se dará a coñecer proximamente) e que se enmarca no obxectivo estratéxico do Gaiás de converterse nunha factoría de contidos para outros centros culturais de Galicia, descentralizando a súa actividade.

Con Galicia futura a Consellería de Cultura, Educación e Universidade pecha a triloxía de grandes exposicións organizadas con motivo do Xacobeo, que comezou con Galicia, un relato no mundo e continuou con Galicia, de Nós a nós.
Un espazo de creación

A mostra quere transcender os límites físicos do propio museo e impulsar procesos artísticos propios. Así, exhibe unha vintena de pezas creadas especificamente para este proxecto por destacados nomes da plástica, as letras, o audiovisual, a ciencia, a escena, o deseño ou a música galega. Obras da dramaturga Marta Pazos, o cineasta Oliver Laxe, os artistas Rubén Ramos Balsa e Vítor Mejuto, o fotógrafo Damián Ucieda ou a poeta Estíbaliz Espinosa, entre outros moitos, contribúen á visión diversa e coral que tenta ofrecer a exposición.

A mostra está comisariada por Miguel Ángel Cajigal e Deborah García Bello, coñecidos nas plataformas dixitais como @elbarroquista e @deborahciencia, dous galegos que nos últimos anos se situaron entre os divulgadores máis dinámicos e recoñecibles no eido artístico e científico. Ademais, coa exposición como pano de fondo e conducido por Deborah García Bello, o encontro #Culturalike3 congregou tamén no Gaiás a seis recoñecidos divulgadores para falar de novos modelos de comunicación da cultura e a ciencia con nomes como a escritora Espido Freire, a historiadora Sara Rubayo, a bióloga e neurocientífica Tamara Pazos ou o químico e investigador Juan Manuel Bermúdez.

Imaxinando o porvir

Partindo da pregunta Como imaxinas ti a Galicia futura?, a exposición toma o pulso do presente para propoñer un percorrido por fitos e ideas innovadoras que están a marcar os vieiros do porvir da nosa comunidade en diferentes campos. Explora así un futuro desexado e posible, en base ao traballo que están a desenvolver a día de hoxe diferentes profesionais e grupos de vangarda e propóndose amosar o que se está a facer desde distintas áreas do coñecemento, facer visible como as conexións entre os diferentes campos do saber nos permiten comprender a súa progresión, e procurar as claves e estratexias que están a configurar o porvir de Galicia.
Galicia Futura