Skip to main content

A Universidade da Coruña entre as 50 universidades máis sustentables do mundo e cuarta das españolas no ránking internacional Green Metric

O Green Metric Ranking of Universities, a clasificación universitaria de maior alcance internacional, é un informe elaborado anualmente pola Universidade de Indonesia no cal se comparan os esforzos das universidades cara a sustentabilidade ambiental e as políticas de xestión respectuosas co ambiente, promovendo así a loita contra o cambio climático. Ao mesmo tempo, tamén pretende promover a mellora continua e o compromiso destas institucións para abordar os problemas de sustentabilidade.

Para elaborar este ránking analízanse múltiples indicadores agrupados en seis eixos: Infraestruturas, Enerxía e cambio climático, Residuos, Auga, Transporte, e Educación e investigación. Nesta convocatoria, marcada pola situación derivada da Covid-19, incluíronse novos indicadores que permitiron valorar os esforzos das universidades para continuar os seus programas e políticas de sustentabilidade na situación especial de pandemia.

A Universidade da Coruña continúa a tendencia positiva dos últimos anos e mellora en 16 postos a súa clasificación global. Con isto, a UDC sitúase na 49ª posición mundial de entre as 956 universidades participantes (45 máis que no ano anterior), ao tempo que se inclúe no 5% das universidades líderes (percentil 95).

O ránking internacional está encabezado pola Universidade de Wageningen (Holanda); e en España, pola Universidade Complutense de Madrid (posición 38 a nivel mundial).

No cómputo español, a UDC é a cuarta universidade máis sustentable, das 28 presentadas.

Análise por eixos

Infraestruturas, Enerxía e cambio climático e Auga son os sectores nos que se deu unha mellora respecto da puntuación obtida en anos anteriores. Ao mesmo tempo, mantense a puntuación para Residuos e Transporte. Por outra banda, Enerxía, Residuos e Educación son os eixos cunha mellor posición a nivel mundial. Cabe destacar a mellora substancial na puntuación obtida en Infraestruturas, de 325 puntos respecto o 2020, o cal permitiu mellorar en 253 posicións o posto en dito ítem e situarse como a segunda Universidade española con mellor resultado, só por detrás da Universidad de Alcalá de Henares. No eixo de Educación e investigación, a UDC mantense no percentil 94 mundial e é, ademais, a líder no Estado español neste eixo de valoración.
Universidade da Coruña