Skip to main content

A programación cultural no Campus de Lugo ofrece obradoiros de cine e creación audiovisual, fotografía e teatro

A programación dos Espazos de Cultura da USC botará a andar no Campus de Lugo o vindeiro 31 de xaneiro, coa celebración dun taller aberto de teatro de 20.00 a 22.00 horas na Aula de Teatro e Danza situada na Facultade de Veterinaria. Este obradoiro, que está aberto á participación dun máximo de 10 persoas pertencentes á comunidade universitaria é gratuíto e repetirase dous días despois no mesmo escenario.

As persoas interesadas que tomen parte nesta primeira actividade teatral poderán incorporase despois na Compañía de Teatro USC-Lugo, unha formación que este ano contará como director con Aarón Navia. Este actor e director lugués impartirá guiará as sesións de formación e ensaios que novos integrantes da formación teatral universitaria luguesa celebrarán todos os luns e mércores, desde o 7 de febreiro ata o 16 de maio, de 20.00 a 23.00 horas, na Aula de Teatro e Danza do Campus de Lugo.

Cine

O curso ‘Pensar e contar unha serie de TV’, impartido por Pepe Coira, abrirá o 4 de febreiro a programación do Espazo de Fotografía e Cine da USC na sede universitaria luguesa. Esta primeira acción formación, cuxas sesións se desenvolverán na Casa do Saber todos os venres ata o 18 de marzo en quenda de 17.00 a 20.00 horas, permitirá ao público participante desenvolver unha idea ata convertela nun proxecto susceptible de ser unha serie televisiva.

Creación con móbil

Aprender a contar historias desde o móbil é o obxectivo do curso impartido por Iago de Sant, un programa concibido como obradoiro de aprendizaxe de novas linguaxes cinematográficas cuxas sesións se desenvolverán os venres, de 18.00 a 21.00 horas, na Aula de Teatro e Danza da Facultade de Veterinaria, desde o 4 de febreiro ata o 25 de marzo de 2022.

Fotografía

O fotógrafo lugués Adra Pallón impartirá desde o 4 de febreiro ata o 18 de marzo unha nova edición do módulo de expresión a través da linguaxe fotográfica. As sesións deste curso serán os venres, de 16.00 a 20.00 horas, na Casa do Saber de Lugo.

As persoas interesadas en tomar parte en calquera das actividades programadas na sede universitaria luguesa no marco dos Espazos de Cultura poden formalizar a súa inscrición ou solicitar máis información ao respecto a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es. O estudantado universitario que tome parte en calquera destas actividades poderán solicitar o recoñecemento dun crédito ECTS.
Universidade de Santiago de Compostela