Skip to main content

Arranca en Santiago o novo proxecto cultural apoiado que promove a obra do escultor Ramón Conde



O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, inaugurou hoxe a primeira das catro exposicións do proxecto cultural que promoverá a obra do artista Ramón Conde durante este ano. Trátase, como expresou, dunha iniciativa apoiada pola Xunta e froito dun “compromiso común para divulgar a importancia da arte e da escultura galega a través dun dos nosos principais escultores”.

Neste sentido o titular de Cultura puxo en valor “o vigor e imaxinería” de Ramón Conde que “merece un escaparate como o Ano Xacobeo, á altura da súa calidade”. Sinalou, ademais, que esta iniciativa dá continuidade ao apoio do Gobenro autonómico á arte a través do fomento de exposicións que divulguen e promocionen o traballo feito en Galicia.

“Santiago terá a oportunidade de gozar de primeira man da produción deste artista ourensán, cuxas obras fican xa en parte de Galicia e fóra dela”, indicou recordando que se trata “dun dos mellores embaixadores da creación galega”.

Este proxecto cultural xurde da colaboración da Xunta de Galicia co Casino de Santiago, o Goberno municipal, a Asociación Comercio Punto Compostela, o instituto IES de Sar e o propio artista e inclúe ata catro exposicións no Casino durante este ano. A primeira dela inclúe grandes pezas do artista, que poderá visitarse ata o vindeiro mes de marzo.

Escultor referente

Ramón Conde é un dos máis destacados talentos creativos galegos dos últimos anos. É autor de obras públicas como os bustos de Valle-Inclán e Alfredo Suárez Ferrín na Coruña, a de Pablo Iglesias Posse en Ourense ou de Manuel Antonio en Rianxo, entre outras. Os traballos de Conde teñen viaxado tamén a galerías de Francia, de Alemaña, de México ou de Estados Unidos.
Xunta de Galicia